viernes, 28 de diciembre de 2018

O despoboamento, un desafío global

O problema do despoboamento é un problema global, que non só debe preocupar ás persoas do medio rural, aos que habitan nos núcleos máis deshabitados, senón a toda a poboación no seu conxunto. Os políticos estamos obrigados a dar resposta aos principais retos que afectan á sociedade e este é un deles. Promover a coordinación entre as Administracións e reforzar a unión con Europa é fundamental para conseguir reverter un dos principais desafíos aos que nos enfrontamos hoxe en día. O reto demográfico non ten unha única solución, é un problema multidisciplinar para o que non se contemplan solucións inmediatas, non hai pílulas máxicas que consigan reverter instantaneamente a pirámide de poboación. É un desafío no que hai que traballar día a día para obter resultados a medio prazo; o importante é poñer en marcha medidas que funcionen. O Goberno de Mariano Rajoy foi o primeiro en tomar en serio este problema que afecta de forma más grave a provincias eminentemente rurais como Lugo. Puxo en marcha, a pesar do rigor da crise, un paquete de medidas sociais e mantivo aberto o reto de forma constante na súa axenda. Creouse o Comisionado para o Reto Demográfico e púxose en funcionamento no Senado unha comisión específica para o estudo do despoboamento, que esta mesma semana exporá as súas conclusións. No PP temos a impresión de que ao Goberno de Pedro Sánchez non lle preocupa o mundo rural, só baixo esta premisa se pode entender que teña decidido rebaixar as esixencias ás operadoras que dan cobertura de Internet ao rural. Desde o Grupo Parlamentario Popular pedimos ao Executivo que manteña o Plan 300x100 que deixou aprobado e presupostado Rajoy para garantir a banda ancha no 100% dos núcleos de poboación en España. Sen redes potentes de fibra óptica que rompan a brecha dixital é imposible fixar poboación nas zonas rurais. Tamén nos preocupa a actual posición do Goberno na negociación da nova Política Agraria Común. A defensa do sector agrario ante as institución comunitarias foi sempre unha liña de traballo fundamental e unha prioridade para os gobernos do PP. Non se pode aceptar que descenda o orzamento en axudas para España. Hai que loitar polos que viven no medio rural e traballar para que cada vez sexan máis as persoas que vexan no campo unha alternativa de vida. Potenciar as súas peculiaridades e dotar aos contornos rurais das mesmas oportunidades que aos urbanos é clave para combater o fenómeno do despoboamento hoxe e no futuro.

No hay comentarios: