martes, 15 de enero de 2019

Presupostos e mentiras

O Goberno presentou este venres a proposta de Lei de Presupostos Xerais do Estado para 2019. É unha proposta vergoñenta, irreal e chea de mentiras. Pedro Sánchez minte cando di aos españois que estas contas están cargadas de valores sociais e de sentido común. A suba das pensións; do salario dos funcionarios ou a equiparación salarial son medidas sociais que xa garantira o PP, ningunha delas leva o selo socialista. Si o leva o aumento de impostos, un aumento que vai en contra de calquera política económica sensata e do sentido común: todo o mundo sabe que non se pode gastar máis cando se ingresa menos. O Partido Popular non vai apoiar estas contas porque as mesmas receitas fracasadas de Zapatero aplicadas oito anos máis tarde, darán os mesmos resultados que, desgraciadamente, todos os españois coñecemos: recesión económica e incremento do paro. O Goberno non elaborou os PXE pensando no benestar do noso país, senón no seu propio. Son os orzamentos que Sánchez necesita para pagar aos seus socios populistas, independentistas e batasunos a factura da moción de censura. Os PXE de Sánchez obrigan a cada contribuínte a pagar 260 euros máis ao ano e soben o gasto, o déficit e os impostos en máis de 6.000 millóns de euros. Son os autónomos, as familias e as clases medias as que se verán obrigadas a soportar o groso desta carga impositiva. Non era necesario subir impostos nun ano no que o noso país recadou 21 mil millóns de euros. En resumo, as contas socialistas non supoñen un xiro social, senón unha suba impositiva. Son irreais e ocultan o malgasto do Executivo e sumirán a España nunha nova recesión. Desde o Partido Popular opoñerémonos a este proxecto feito para contentar a uns poucos e danar á maioría.

No hay comentarios: