martes, 1 de octubre de 2013

San Froilán

Aínda que a situación económica non está para moitos dispendios nin os ánimos para exaltacións desmedidas, Lugo prepárase para vivir unha nova edición das súas festas maiores nas que, en total harmonía, se conxuga tradición relixiosa, lúdica e gastronómica. De todo hai nesta festa, unha das máis importantes de Galicia, e das máis fermosas do outono galego segundo apostillaba e atestiguaba un dos asiduos á cita, o ilustre mindoniense Álvaro Cunqueiro. Ó fin, nas súas orixes, alá por mediados do século XVIII e por privilexio real, era unha feira preparatoria da entrada do inverno ou de despedida do verán. Cada quen que o vexa ou celebre como queira. En calquera caso, a cidade das murallas, por aquilo da reminiscencia do foro romano ou pola compoñente agrícola da súa economía, por ambas ou cantas razóns queiran engadírselle, era unha desas prazas codiciadas polos feirantes de todos e cada un dos puntos cardinais galaicos e ata moito máis aló, na que confluían fraternalmente o mundo rural e o urbán. Era e é unha cita obrigada. O san Froilán, festa de interese turístico nacional e unha fonte de ingresos para a cidade nada desdeñable, está xa as portas. Algo máis dunha semana para disfrutar e compartir, para vivir, entre outras moitas cousas, unha nova edición do Domingo das Mozas e exaltar o traxe tradicional e o noso folclore e, cómo non, de degustar unhas boas racións de polbo, o prato estrela e imprescindible durante estes días. Deséxolles a todos, ós lucenses e tamén ós foráneos, veñan de onde veñan, que disfruten destas festas. É unha boa excusa para o reencontro con familiares e amigos e mesmo para entregarse a novas relacións; para compartir confidencias, proxectos e ata soños; e incluso para promocionar a nosa cidade, coa súa historia e tradicións, ata onde chegue o altofalante no que, a pouco que quieramos, podemos convertirnos cada un de nós. En fin, saúde e felicidade para todos nestas datas.

No hay comentarios: