martes, 12 de noviembre de 2013

Ribeira Sacra

A Ribeira Sacra, Patrimonio da Humanidade. Eso é o que queremos todos os lucenses e neso estamos a traballar para que tamén o queiran os demais. O que está claro é que ninguén que estivera algunha vez neste marabilloso enclave dubida dos seus méritos para acadar ese honor. A Ribeira Sacra é un lugar único, cunha paisaxe excepcional, cheo de historia, cun patrimonio cultural envexable e un viño excelente. Sería longo, moi longo, pormenorizar as riquezas coas que conta esta gran bisbarra, a cabalo entre dúas provincias na terra dos mil ríos. Hai uns meses que principiou o proceso para acadar esta distinción. E comenzamolo coa mesma ilusión que tamén compartimos todos cando o obxectivo era lograr o distintivo para a muralla. A Xunta deu o primeiro paso, seguírona as deputacións de Ourense e Lugo coa aprobación de sendas iniciativas con este propósito. Esta semana o Senado seguiu a senda marcada: unha moción presentada polo Grupo Socialista derivou nunha declaración institucional, que supón o respaldo de todos os grupos da cámara, na que se insta ó Goberno central a que exprese o seu apoio a esta candidatura. Algo parecido acontecerá próximamente no Congreso; e os 21 concellos afectados ou implicados están tamén mans á obra con este asunto. Cada lucense, cada ourensán, está a aportar o seu gran de area, asinando, por exemplo, a petición para que este proxecto chegue a bo fin. E a éstes seguirán os pontevedreses e os coruñeses e o resto das provincias de España porque ésta é unha aspiración coa que todos nos sentimos identificados e implicados. O recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade sería un excelente empurrón para a zona, un xeito máis de poñer en valor o territorio e dinamizalo social e económicamente. Un incentivo que a bo seguro non virá nada mal.

No hay comentarios: