martes, 1 de abril de 2014

D.E.P.

Adolfo Suárez naceu en Ávila pero puido perfectamente facelo en A Coruña. Foi, coma el mesmo contaba, unha circunstancia accidental. Non se trata de reivindicar eiquí a súa procedencia porque se algo quedou claro nestes últimos días é que dende todos os recunchos de España emerxe, con indéntica intensidade, unha inmensa estima pola súa traxectoria política e tamén vital. Nada novo vou poder dicir del. A estas alturas é case unha obviedade apuntar que foi unha peza fundamental (poderiamos dicir que claramente imprescindible dende a ampla perspectiva que aporta o discurrir do tempo) no complicado tránsito dun réxime dictatorial a un democrático. Con todo o que este proceso supuxo: amnistía política, legalización de partidos, convocatoria de eleccións, apertura diplomática e recuperación das relacións internacionais, redacción dos estatutos das comunidades históricas e da Constitución, a ben chamada da Concordia, … e todo iso nun ambiente de extrema complexidade política, de crise económica, de activismo terrorista e mesmo dun intento de golpe de estado. A discrepancia daquela converteuse en eloxio sincero agora. O seu talante facilitou unha reconciliación nacional imprescindible para encarar o futuro. Avogou pola reforma fronte a ruptura; renunciou á parcialidade para representar a totalidade, ó interese persoal polo ben xeral e fixoo dende a convicción, o honor e a valentía. Virtudes que agora parecen trasnoitadas, case denostadas (ou quizais non tanto) pero que fixeron del, entre outras cualidades, un gran home de estado. Hoxe, nun contexto de dificultade económica, de conflitividade social e tamén política, no que a cidadanía manifesta un preocupante desapego hacia os seus políticos, o agarimo e respecto amosado pola xente a Adolfo Suárez débenos convidar á reflexión, a tomar nota e fundamentalmente a seguir o seu exemplo e os valores que representou, e por riba de todos eles o da moderación e a concordia polos que, de feito, recibiu o Príncipe de Asturias en 1996. Dos moitos xestos e palabras significativos de Suárez quédome coa súa templanza durante o intento golpista e cunha das frase do seu derradeiro discurso como presidente: “Me voy porque ya las palabras parecen no ser suficientes y es preciso demostrar con hechos lo que somos y lo que queremos”.

No hay comentarios: