lunes, 12 de mayo de 2014

Fortes en Europa

Vén de iniciarse na madrugada do pasado venres a campaña das eleccións europeas. A cita é o vindeiro 25 de maio á que, coido, ninguén debe faltar. Votar é un dereito pero tamén un deber, un deber como cidadán. E quen pense que no Parlamento europeo non se decide nada que lle afecte está moi equivocado. A importancia é tal que ó redor do 80 por cento da nosa lexislación deriva das decisións adoptadas no marco do Parlamento europeo e que atinxen a todos os ámbitos, dende a agricultura ou a pesca, pasando polo medioambente ou a política fiscal. En Galicia sabemos ben ata que punto condiciona a normativa europea a actividade agraria ou pesqueira, por exemplo. Aí está o regulamento, recentemente aprobado ademais, sobre a Política Pesqueira Común, que establece condicións bastante favorables para España, ou mesmo a Política Agraria Común que, entre outras cousas, permitirá que os nosos agricultores e gandeiros reciban axudas por valor de 47 mil millóns de euros entre o presente ano e o 2020. O papel xogado polas institucións europeas ó longo destes anos de fonda crise económica tamén pon de manifesto esta profunda influencia. En resumo, en Europa xogámonos moito e é fundamental que nos centros de decisión contemos con persoas comprometidas co interese de España e coñecedoras das circunstancias dos nosos sectores productivos. Non hai dúbida neste senso de que Arias Cañete é un excelente candidato, tanto pola súa valía, sobradamente contrastada e demostrada, como polo seu exhaustivo coñecemento dos nosos principais sectores productivos e mesmo do propio funcionamento das institucións comunitarias. España, que está a iniciar, despois de longos meses de axustes e sacrificios, unha nova etapa de crecemento, resultado precisamente das reformas acometidas polo Goberno, recuperou, como salientou recentemente o ministro De Guindos, a credibilidade e respecto na Unión Europea e ocupa xa o cuarto posto na economía da zona euro. No cotexto actual, precisamos que en Europa nos representen partidos serios, con políticas contrastadas, fortes e comprometidos co que supón e conleva a unión europea; e nesta concepción non hai lugar para as forzas que abertamente se declaran contrasistema. Nin tampouco para os que defenden posturas encamiñadas a disgregar o territorio. E menos aínda para aqueles que extrapolarían á UE políticas que manifestamente fracasaron na súa aplicación en España, poñendo en risco no só o futuro do país senón o da propia Europa e a súa unión monetaria. O programa electoral do Partido Popular amosa un obxectivo claro e firme na defensa dos cidadáns deste país, que garanta a estabilidade, o emprego, o benestar social e a igualdade de oportunidades. Hai que ter moi presente ademais que o Goberno de Rajoy, pese ás innumerables dificultades, logrou non só estabilizar o país, tamén que España deixara de representar un problema para Europa e volte a ser unha parte activa e clave para o seu futuro.

No hay comentarios: