jueves, 24 de julio de 2014

Día de Galicia

Próximos a celebrar o Día de Galicia, é un intre idóneo para renovar o compromiso coa nosa terra, aínda que debo facer unha matización obvia: todos os días son días de Galicia. Nestas datas é tamén ineludiblemente obrigado ter moi presente o terrible accidente de Angrois, que hai un ano sumiunos nunha profunda dor precisamente na víspera de celebrar a onomástica do Apóstolo Santiago pero tamén nun fondo orgullo pola marea de solidariedade e de comportamento exemplar esgrimido primeiro polos veciños, que non sucumbiron á parálise que unha traxedia semellante provoca, e despois polo resto da cidadanía; vaia por diante entón unha merecida homenaxe a eles e un cálido e agarimoso recordo a todas as víctimas e as súas familias. Claro está que neste caso coma, en xeral, en todos os logros colectivos da historia recente da nosa Comunidade Autónoma, o mellor modelo a seguir nas dificultades somos nós mesmos. Porque ser galego, ademais da mestura dunha reminiscencia celta e romana, de supersticións, de paisaxe, de gastronomía, de cultura, de emigración, de fin do Camiño… implica tamén, e entre outras moitas cousas (incluida unha defensa e ostentación orgullosa dunha lingua propia en coexistenica pacífica coas demais linguas oficiais), facer uso dun espírito emprendedor e mesmo eliminar a resignación da nosa actitude vital. Nun contexto como o actual, no que dende Cataluña abriuse unha absurda reivindicación soberanista que, a bo seguro, a realidade convertirá en brinde ó sol, véñenme á memoria algunhas reflexións dun ilustre galeguista lucense, Ramón Piñeiro, como aquilo de que somos galegos de nación, españois de historia e europeos de cultura. Unha formulación que o PPdeG segue a manter vixente, unha defensa do propio no seo da pluralidade. Unidade na diversidade da que Galicia é un modelo de bo enteder e de bo actuar. Porque, con independencia de matices, hai algo evidente: o estado autonómico deu moitos e bos froitos. Pode que, co andar dos tempos, requira actualización pero pouco máis. O propio Núñez Feijoo, xunto con outros presidentes autonómicos, propón algunhas modificacións pero antepoñendo o interese xeral sobre o particular e amparando sempre as posibles modificacións baixo o paraugas dun pacto de estado. Nese contexto formúlase, por exemplo, unha nova financiación autonómica que, por riba de todo, pretende garantir servizos públicos básicos. Pactar gastos, en definitiva, para asegurar a viabilidade económica. A unión fai a forza. Esta é a única realidade que todos deberiamos ter presente.

No hay comentarios: