martes, 8 de julio de 2014

Reflexión

É obvio que o contexto social, económico e político que está a vivir España é diferente ó de hai algúns anos. A crise económica, que afortunadamente estamos remontando, condicionou sustancialmente o noso comportamento e moi especialmente a percepción da vida ou, dito doutra maneira, o xeito de formular ou imaxinar o noso particular proxecto vital. As circunstancias obrigan a mudar hábitos, opinións, sensibilidades e comportamentos. Esta conxuntura, en consonancia co devenir social e, en consecuencia, político, convida á facer unha reflexión pausada e sesuda e a ponderar opcións ou alternativas sobre cuestións que, aínda que sempre latentes, preséntanse agora como unha demanda cidadá moito máis acuciante. Neste contexto, coido, hai que enmarcar a axenda de calidade democrática ou de rexeneración institucional proposta polo presidente Rajoy. Cuestións como limitar o aforamento; que nos concellos goberne a lista máis votada; ou reducir o número de deputados e mesmo de municipios son algúns dos asuntos propostos e sobre os que o Partido Popular reflexionará na escola de verán que se desenvolverá nos vindeiros días. Son propostas de debate, que requiren, como xa indiquei, unha reflexión pausada e xuiciosa, e tamén consenso para, de concluir que é conveniente levar a cabo algunha actuación ou algunha modificación lexislativa, poder desenvolvela coa normalidade que o asunto require. No fondo, non é nada novo. Son cuestións xa aludidas con anterioridade e non únicamente polo Partido Popular, tamén por outras formacións políticas, polo que sorpréndeme un chisco as reaccións e lecturas que este debate suscitou entre algúns líderes políticos. Unhas reaccións, algunhas algo desproporcionadas, que agardo non denoten inquedanza ante os retos ou directamente medo ó debate en si.

No hay comentarios: