martes, 7 de octubre de 2014

Por que?

Ante o emprego da violencia non caben mornezas. Non hai explicación nin xustificación admisible. Quen a emprega desacredítase xa que non hai acción máis contraria á democracia que o emprego da forza. O acontecido en Baralla é un feito que non pode provocar nada máis que o rexeitamento máis rotundo. E aínda que temos que felicitarnos porque non se teñan producido danos persoais, non cabe dúbida que o medo estará presente durante moito tempo entre as xentes deste concello espelidos polo estourido, que non poderán deixar de preguntarse por qué e para qué. Que finalidade ten unha barbaridade semellante? Que sentido ten, en definitiva, Resistencia Galega no contexto político no que nos atopamos? Non padecemos xa suficientemente neste país a sinrazón, a inxustiza e a dor do terrorismo? Vaia por diante a miña solidariedade e afecto para os veciños e para toda a corporación municipal. Quede claro tamén o meu arrepío pola falta de unanimidade inmediata á hora de condenar o feito por parte dalgunhas formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia. Non merecían as circunstancias un gran consenso? Non agardaba a sociedade no seu conxunto unha resposta semellante? Resulta vergonzoso o rezagados que quedaron uns e mesmo que o primeiro impulso de outros fora o silencio. Claro que rectificaron, pero non sin antes pensalo algo máis do que sería decente cando o sentido común máis sinxelo e sinceiro era dicir, alto e claro, NON, así non se fan as cousas e quen así pretenda facelas daremoslle as costas, quedará relegado ó ostracismo máis absoluto. Sen vacilacións. Sen dúbidas. Sen matices. Nin máis nin menos. Así de simple. Dito isto, confianza absoluta nos corpos e forzas de seguridade do Estado para que esclarezan o acontecido e poñan a disposición da xustiza ós responsables. Confianza cega na democracia. E total esperanza en que a cordura e a sensatez se impoñan.

No hay comentarios: