lunes, 15 de diciembre de 2014

Violencia

A violencia non ten cabida en ningún ámbito da vida e priva de razón a quen a emprega. Non hai argumento de ningún tipo que lexitime o seu emprego. O acontecido o pasado día 30 de novembro nas proximidades do Vicente Calderón ou mesmo os feitos acaecidos máis recentemente nos arredores do Camp Nou son actitudes inxustificables e inadmisibles. Se, como dixen, a violencia é sempre ilícita e censurable, que se produza nun contexto deportivo resulta, se cabe, máis vergonzoso e preocupante. O deporte é tradicionalmente un exemplo da promoción de valores netamente humanos: de superación, de desenvolvemento persoal, de perseverancia, de traballo en equipo, de autodisciplina, de esforzo, de cooperación, de lealdade, de tolerancia, de respecto … É ademais un dos espellos máis comúns nos que se mira o conxunto da sociedade pero especialmente a mocidade. Que exemplo estamos a transmitir entón as novas xeracións se nos cruzamos de brazos ante actos desta índole? Esta perda de valores, recurrir á violencia física ou verbal, ou mesmo a actitudes racistas ou xenófobas, dentro ou fóra dos campos de fútbol, require unha resposta contundente e unha clara e xeral tolerancia cero a este tipo de conductas, na mesma liña que require a violencia de xénero, por exemplo. Hai que facer unha intensa labor de prevención, na que a educación ocupa un lugar destacado, pero tamén de control e, no seu caso e cando corresponda, sancionadora. Ningunha agresión debe quedar sen resposta e ésta ademais debe darse de xeito rápido e exemplarizante. Os campos de fútbol deben ser unha festa do deporte, non a excusa para iniciar unha batalla. Recentemente no Senado, tomando como punto de partida unha moción presentada polo Partido Popular, aprobamos por unanimidade unha declaración institucional na que se rexeita este tipo de violencia. Dende as máis diversas institucións, principiando polo propio Goberno, e pasando pola Federación Española de Fútbol, a Liga ou o Consello Superior de Deportes, as reaccións foron semellantes. Todos coincidimos en que hai que adoptar medidas administrativas e penais máis contundentes e, por descontado, manter unha maior coordinación entre todos os estamentos afectados, e nesas estamos. É importante que todos nos impliquemos nesta loita, en erradicar esta lacra, e neste traballo un paso determinante e significativo é o dos aficionados.

No hay comentarios: