martes, 13 de enero de 2015

2015

Rematamos o 2014 creando emprego e cunha importante baixada do paro. Foi unha boa maneira de poñerlle fin ó ano, constatando con feitos as previsións que fixera no seu día o ministro De Guindos, e que tamén adiantara o presidente Rajoy, de que no 2014 España estaría xa en disposición de xerar emprego neto. E fixémolo cunha creación significativa a tenor das cifras coñecidas. Así foi. E se relevante resulta a rebaixa no número de desempregados, pese a que continúa a ser demasiado elevada, tamén o é o incremento do número de cotizantes á Seguridade Social, que conta nos albores deste novo ano con 417.574 afiados máis que en 2013. A loita contra o paro foi dende o inicio da lexislatura unha prioridade para o Goberno e continuará a selo neste próximo ano porque, pese ó afianzamento do cambio de tendencia que é consecuencia directa da mellora económica xeral experimentada, queda aínda moito por facer, moito camiño por andar. Non só se trata de reducir parados e crear emprego senón que os novos postos de traballo sexan estables e de calidade. E neste senso hai que poñer en valor que durante o pasado ano asináronse cada día laborable 6.750 contratos indefinidos e mesmo que mellorou ostensiblemente a taxa de emprego estable entre a xente nova, cuxos datos eran tristemente alarmantes nos últimos anos. Como agardaba o Goberno, despois de moitos sacrificios e moitas reformas, os esforzos realizados están a dar os seus froitos. É certo que non coa rapidez e magnitude que todos quixeramos, sobre todo no que atinxe ó emprego, pero os datos confirman que en todos os índices económicos estámonos movendo en positivo. E unha proba irrefutable diso é que a percepción da cidadanía tamén está a cambiar nese mesmo sentido e que, pouco a pouco, a confianza do consumidor tamén está a virar cara ás marxes da confianza, repercutindo, entre outras cousas, nun incremento elocuente do consumo. En 2014 as cousas foron mellor que en 2013 e non hai dúbida de que o 2015 serán moito mellor que o 2014.

No hay comentarios: