martes, 10 de febrero de 2015

PACTO DE ESTADO CONTRA O TERRORISMO

Hoxe quero adicar esta columna a eloxiar o gran acordo asinado polo Partido Popular e o Partido Socialista Obreiro Español para loitar contra o terrorismo xihadista, unha das peores lacras que sufrimos na actualidade. Con este gran Pacto de Estado, ao que agardo que se sumen o resto das forzas políticas durante o seu trámite parlamentario, lanzamos unha mensaxe de unidade, dentro e fóra de España, para combater as novas fórmulas de terrorismo. Tanto o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, coma o líder do principal partido da oposición, Pedro Sánchez, antepuxeron os intereses do Estado, ás diferencias propias que existen entre os dous partidos. Nestes momentos, nos que a ameaza terrorista ten posto o seu obxectivo nas democracias occidentais, era máis necesario ca nunca este gran Pacto de Estado para loitar contra o terrorismo xihadista. Os españois tivemos que sufrir durante moitos anos o terrorismo da ETA e, por isto, sabemos que é imprescindible a unidade de tódolos demócratas para poder acabar coa lacra do terrorismo, así como a solidaridade, o afecto e o apoio ás vítimas, que foi e debe ser sempre unha referencia para os demócratas. Sabemos que os mellores instrumentos para combater o terror son a unidade de tódolos partidos, o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade, a actuación contundente da Xustiza e a cooperación internacional. Con este Pacto de Estado, o PP e o PSOE quixemos expresar ante os cidadáns a nosa firme vontade de loitar contra o terrorismo e cumprir cos compromisos asinados neste acordo. Quero resaltar a modificación do Código Penal no que se refire aos delitos de terrorismo, tal e como se recolle na Proposición de Lei Orgánica que presentamos conxuntamente o PP e o PSOE o mércores pasado no Congreso e que tamén contou co apoio de UPN, Coalición Canaria e Foro Asturias. Eu agardo que nos próximos días se sigan sumando a esta iniciativa outras formacións políticas e así poder loitar todos xuntos fronte ás novas e espeluznantes actuacións dos terroristas contra as nosas vidas e as nosas liberdades. Na mente de todos permanece aínda o cruel e terrible asasinato do piloto xordano, queimado vivo por fanáticos xihadistas.

No hay comentarios: