jueves, 26 de marzo de 2015

Podemos retrátase en Europa

Hai uns días tiven a posibilidade de manter un encontro con Mitzy Capriles, a muller do alcalde de Caracas, Antonio Ledezma, encarcerado polo réxime de Nicolás Maduro. Durante a nosa xuntanza, ela insistiu na falta de respecto de Maduro ás liberdades individuais. Un dereito inherente a tódolos cidadáns e que aquí, en España, nin nos imaxinamos perder. Poucas semanas antes deste encontro, tamén no Senado, Miguel Henrique Otero, director de El Nacional, o principal periódico opositor en Venzuela, falaba do mesmo, das restricións á liberdade, no seu caso á liberdade de prensa. Esta é a forma de operar de Nicolás Maduro, herdada de Hugo Chávez. Henrique Otero, nas súas declaracións, invitábanos a tódolos españois, a facer unha reflexión: En Venezuela pensábamos que nunca poderíamos ser Cuba, e agora estamos así –dicía-. En España pensan que nunca van ser Venezuela, pero isto é posible. É posible da man de partidos coma Podemos. A súa posición ideolóxica é un dos nexos de unión co réxime, un nexo que intentaron ocultar aos cidadáns españois. Pero hai outros máis visibles, moitos símbolos e expresións de Podemos coma o ‘círculo’, a ‘casta’, o ‘tic-tac’… condúcennos a Venezuela. Xa os empregaran antes Chávez e Maduro nos seus discursos populistas. O pasado 12 de marzo o Parlamento Europeo aprobou unha resolución para condenar as detencións arbitrarias dos líderes opositores venezolanos e pedir a súa inmediata liberación. Podemos desenmascarouse na Eurocámara votando en contra do texto. Pablo Iglesias deu a cara por Maduro ao non condenar a represión do seu réxime. O próximo martes día 24, o Pleno do Congreso, votará, a instancias do Partido Popular, unha Proposición Non de Lei condenando o acoso de Nicolás Maduro á liberdade. Un texto na mesma liña ca o europeo. Esta é a forma de actuar do noso partido. Desde o PP defendemos a democracia e as liberdades das persoas en tódalas súas vertentes e camiñamos de fronte aos cidadáns. Todo o contrario ao que fan outros. Aínda que agora, a regañadentes, se vexan obrigados a quitarse a careta.

No hay comentarios: