martes, 7 de abril de 2015

Cumprir co déficit: un obxectivo social

Fai poucos días coñecimos un novo dato económico moi positivo para o noso país. O Goberno fixo públicas as cifras do déficit no 2014 e España, de novo, cumpriu o compromiso fixado por Bruxelas. As Administracións Públicas pecharon o pasado exercicio cun déficit do 5,7% do Produto Interior Bruto. Unha décima por debaixo do comprometido con Europa. Na difícil tarefa de cadrar as contas públicas, España converteuse nun país crible e fiable. A cifra do déficit é lixeiramente superior ao esixente obxectivo do 5,5% do PIB que marcara o Goberno nas súas previsións. O propio Ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, explicou que, de non ser polo pago do céntimo sanitario, unha circunstancia excepcional, que costou ao Estado casi 1.700 millóns de euros, o déficit teríase contraído a ese 5,5%. Só catro autonomías, entre elas Galicia, alcanzaron o obxectivo pactado do 1% do PIB. Houbo outras catro (Cataluña, Murcia, Extremadura e Valencia) que duplicaron a desviación permitida. Os concellos non só lograron a meta fixada da estabilidade presupostaria, senón que deron un paso máis, acadando un superávit del 0,5%. Detrás de todas estas cifras está o esforzo das Administracións pero, sobre todo, o da sociedade. O cumprimento do déficit foi o primeiro paso para recuperar a confianza dos inversores. É a chave mestra para a recuperación e a creación de emprego. E o emprego, como dixo o noso Presidente, Mariano Rajoy, é a mellor das políticas sociais. Por iso, non se trata só de que as Administracións cumpran co obxectivo do déficit, senón de garantir o pago das pensións, a sanidade, a educación e o resto dos servizos públicos. En definitiva, garantir o mantemento do Estado de Benestar. O Goberno demostra con números que os enormes desafíos aos que se enfrontaba España ao inicio da lexislatura se van superando. As políticas reformistas serias e rigorosas do Executivo e o esforzo de toda a sociedade fixeron que hoxe estemos liderando o crecemento e a creación de emprego na Unión Europea.

No hay comentarios: