martes, 5 de mayo de 2015

Cumprimos

Pasaron xa tres anos e medio desde o día en que unha gran maioría de españois decidiron darnos a responsabilidade e a honra de gobernar España. O Partido Popular, con Mariano Rajoy á cabeza, cría que asumía o temón dun barco á deriva, o que non sabía é que ese barco estaba xa practicamente afundido. Asumimos o noso compromiso e, con moito esforzo e o sacrificio de tódolos españois, conseguimos reflotalo. Nada queda daquela España que facía augas. Ninguén dubida en Europa das nosas capacidades; recibimos felicitacións dos nosos socios polo traballo feito e lideramos o crecemento da zona euro. O rescate forma parte xa da nosa historia recente e os datos din que pasamos dunha destrución de emprego co PSOE a un ritmo por riba do 9%, á creación dun millón de postos de traballo entre o ano pasado e este. España xera actualmente dous de cada tres empregos da zona euro.Esta é a realidade. Aínda así, non estamos de todo satisfeitos, sabemos que queda moito traballo por facer. Non podemos adoptar posicións triunfalistas cando hai máis de catro millóns de persoas en paro, pero tampouco podemos obviar que, entre todos, conseguimos reverter a tendencia económica negativa. Este era o principal eixo do noso programa electoral de 2011. Nel incluíamos un total de 406 propostas e, a punto de acabar a lexislatura, cumprimos máis do 90%. Conseguimos garantir as pensións e mellorar a educación (o abandono escolar reduciuse en case sete puntos). Asumimos tamén o compromiso da reforma da Administración (aforramos 18.000 millóns) e a rexeneración política, porque necesitamos institucións fiables, previsibles e transparentes. Este Goberno traballou desde o primeiro día para perseguir a fraude e a corrupción e, aínda que hai comportamentos individuais que nos avergoñan, adoptamos medidas para previla desde tódolos puntos de vista. O paquete lexislativo que hoxe temos en España para loitar contra a corrupción é dos máis avanzados de Europa. É certo que quedan aínda cousas por facer, pero non é menos certo que traballamos duro e que mantemos a ilusión e as ganas de continuar co noso proxecto. Para garantir unha España forte e estable é imprescindible seguir nesta mesma dirección, manter o rumbo iniciado hai case catro anos.

No hay comentarios: