martes, 2 de junio de 2015

Agora toca reflexionar

Unha semana despois de que os cidadáns falarannas urnas, eu volvo a facelo a través destas páxinas e o primeiro que quero dicirlles a todos é grazas. Grazas, especialmente aos máis de 78.000 lucenses que nos apoiaron. É certo que fomos o partido máis votado en España, pero iso non é suficiente; non conseguimos as maiorías amplas que nos gustaría. Non podemos, nin queremos enrocarnos e ser autocompracentes facendo só a análise de que somos os máis votados. A diferenza doutros partidos, que celebran resultados moito peores aos nosos, o Partido Popular está disposto a facer autocrítica porque a realidade é que hai moita xente que deixou de darnos o seu apoio e iso é o que verdadeiramente nos preocupa. Os resultados obrígannos a ser máis esixentes con nós mesmos, a analizar os erros que cometemos e tratar de corrixilos para volver a gañar a confianza dos cidadáns. Todas e cada unha das persoas que formamos parte do Partido Popular debemos asumir as nosas responsabilidades e entender a mensaxe que quixeron transmitirnos os cidadáns. As políticas emprendidas polo Goberno de Mariano Rajoy foron útiles ao noso país, non hai dúbida disto; os datos son claros: España estaba ao borde da quebra e agora medra ao 3%. Pero tampouco hai dúbida de que nos vimos obrigados a aplicar políticas que non lles gustaron aos cidadáns, que se viron obrigados a asumir sacrificios extra. Pero Mariano Rajoy primou o interese xeral por riba de intereses partidistas e electorais e iso é o que realmente engrandece a política. Porque facer política significa, por riba de todo, velar polo benestar do país. Debemos reflexionar,rectificar, facer autocrítica. E esa autocrítica debe ser profunda, asumindo que algo non se fixo ben. Non pode quedar só en palabras, senón que debe levar parella unha serie de accións concretas, porque sen cambios a autocrítica non é real. Nos próximos días teremos xuntas provinciais para analizar os resultados e estudar cál é o camiño que debemos seguir a corto, medio e largo prazo. Un camiño que nos permita modernizarnos, facer unha política máis flexible e próxima que nos axude a contactar de novo cos milleiros de cidadáns que, nestas eleccións, decidiron non apoiarnos.

No hay comentarios: