martes, 16 de junio de 2015

Respecto ás tradicións

Non pasaron nin 24 horas dende a toma de posesión dos novos alcaldes e en Galicia xa notamos unha “marea” de cambios. Os primeiros son formais e deixan entrever unha nova forma de facer política, na que prima o afán rupturista por riba dos intereses dos cidadáns. Hoxe Lugo acolle a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia; unha tradición que se mantén intacta dende hai tres séculos, na que Betanzos, Mondoñedo, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña, Tui e Ourense, as cidades do Antigo Reino, se rotan como oferentes, coa presenza na cerimonia das súas respectivas autoridades municipais. Jorge Suárez, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega (Ferrol, A Coruña e Santiago) hoxe non acudirán. Cada un cos seus matices, xustifican a decisión na defensa dunhas institucións laicas. Pero, a realidade é que supón a ruptura dunha tradición que se remonta ao ano 1669 e, no fondo da cuestión, subxacen posicionamentos persoais rupturistas. Romper con todo non é bo, é un erro. Por riba das crenzas persoais e intereses partidistas, os novos rexedores deberían pensar na necesidade de representar ao conxunto da sociedade. A todos. O “alarde de laicidade” dos novos alcaldes pon tamén en entredito tradicións coma a do Apóstolo, en Santiago, ou a Semana Santa de Ferrol. Está aínda por ver se o Sr. Martiño Noriega participará na ofrenda ao Apóstolo o próximo 25 de xullo; mentres que o alcalde de Ferrol, o Sr. Jorge Suárez, xa dixo que non subvencionará a parte relixiosa da Semana Santa. As Confrarías anunciaron que non poderán manter, sen esa axuda, as procesións tal e como se celebran hoxe en día. O Apóstolo en Santiago e a Semana Santa en Ferrol son tradicións relixiosas seculares, si; pero son, sobre todo, dous dos principais atractivos turísticos da nosa comunidade, xeradores de riqueza económica. Fóra de Galicia, os novos rostros municipais, tamén empezan a deixar exemplos do seu afán rupturista. O alcalde de Pamplona, Joseba Asirón, de Bildu, non lanzará o chupinazo este ano. Son decisións que só empobrecen o noso patrimonio cultural. É unha mágoa que os seus intereses persoais nos afecten a todos e poñan en perigo o potencial turístico e económico de España.

No hay comentarios: