martes, 6 de octubre de 2015

Mercadeo PSdeG-BNG

Estes días estamos asistindo –sen querelo- a un dos esperpentos políticos máis clamorosos que se lembran na provincia de Lugo e que terá a súa máxima expresión a próxima semana coa votación da moción de censura que PSOE e BNG, co beneplácito de Manuel Martínez, presentaron co único interese de recuperar o poder e solucionar as súas debilidades internas. Non o fan para mellorar a calidade de vida dos veciños, fano para lavarlle politicamente a cara ao Sr. Gómez Besteiro. Empregan a Deputación como moeda de cambio nas súas loitas de poder. Besteiro aférrase a un acordo que lle permita recuperar o goberno provincial para lexitimarse dentro do PSdeG; é un intento á desesperada para recuperar o liderado que, a estas alturas, ninguén no seu partido lle recoñece. A Deputación non está para resolver problemas partidistas nin erros persoais, está para xestionar os recursos en beneficio de todos e iso é precisamente o que estivo facendo durante estes tres meses de goberno Elena Candia. Traballou de forma constante, rigorosa e igualitaria, sen desprezar a ningún concello pola súa cor política (como si facía o anterior Goberno de Gómez Besteiro) e iso é o que vai seguir facendo ata o último día. A moción non ten fundamento sólido; non hai ningún reproche que facerlle a un Goberno que non leva nin 100 días no posto. Non hai razóns para presentala, só intereses ocultos. O PSOE (da man de Besteiro) e o BNG deberían explicar que se esconde detrás deste exercicio de irresponsabilidade, máis aló do reparto de cargos e soldos e o reforzo persoal de Besteiro. Qué lle ofreceron a Manuel Martínez para que agora cambie de opinión e apoie ao candidato socialista? A provincia de Lugo non se merece outros catro anos de Goberno bipartito, non é o que decidiron democraticamente os veciños co seu voto o pasado 24 de maio.

No hay comentarios: