jueves, 19 de noviembre de 2015

Novela do desgoberno

Gustaríame non ter que empregar estas liñas para reflexionar de novo sobre a situación que se está vivindo na Deputación de Lugo. Gustaríame pero é imposible, porque me preocupa o benestar de todos os veciños da provincia que, coma min, se ven obrigados a asistir, atónitos, a continuos capítulos desta “novela do desgoberno”. Despois da vergoñenta moción de censura vivimos, primeiro, os conflitos do bipartito e agora tócanos presenciar, en primeira fila e sen entrada, as liortas internas do PSdeG de Gómez Besteiro. Por un lado están os socialistas que apoian a Manuel Martínez, e mesmo xa hai quen pediu publicamente unha xuntanza de todos os rexedores socialistas da provincia. E, por outro, os que coma Besteiro, o acusan de tránsfuga e piden a súa expulsión. Nin socialistas nin nacionalistas (que empregan o código ético segundo lles conveña) son capaces de facerse co control da situación. Intentaron manipular á opinión pública desviando a atención sobre o encontro entre Elena Candia e Manuel Martínez na gasolineira; e a realidade é que non todo o mundo que queda nunha área de servizo o fai con fins escuros. Intentaron utilizar as fotos como cortina de fume, pero os cidadáns foron quen de ver máis alá. O problema non é que Candia e Martínez se encontren, senón que os socialistas traizoaron a un dos seus. Que ninguén busque pactos escuros entre PP e Martínez, non os hai. Cando Elena Candia presidía a Deputación non había problemas porque todos os esforzos se centraron en atender as demandas dos veciños, esa é a prioridade do PP. Dubidamos de que o actual presidente sexa capaz de rematar a lexislatura cun goberno tan débil e descomposto. Besteiro entregou primeiro a cabeza de Orozco no concello de Lugo e agora a de Martínez na Deputación, e isto pasa factura. Non só ten problemas internos na provincia de Lugo; o seu liderado foi tamén cuestionado publicamente en A Coruña e Ourense, e mesmo perdeu a confianza do anterior líder do socialismo galego, Manuel Vázquez . Gómez Besteiro quedou sen o respecto do seu partido, ao que non é capaz de manter unido. Demasiado balbordo interno para poder atender as demandas dos cidadáns.

No hay comentarios: