martes, 15 de marzo de 2016

Gañou Lugo

Hai unha semana o Partido Popular de Lugo iniciou unha nova etapa. Un novo camiño marcado pola transparencia e a unidade. O XVII Congreso no que renovamos as nosas estruturas provinciais foi un exemplo de democracia. Houbo dúas candidatas que merecen todo o noso recoñecemento; competiron dúas mulleres preparadas, coñecedoras do partido e con capacidade contrastada. Foi un proceso exemplar de renovación, cunha alta participación da militancia, con distintos proxectos e debate de ideas. Un proceso real de democracia onde o principal gañador foi o PP de Lugo, que saíu reforzado. No Partido Popular non presumimos do que non facemos, demostrámolo con feitos; a diferenza doutros que presumen de transparencia e participación e aprazan as primarias en canto poden ou non respectan os seus resultados. Por primeira vez unha muller presidirá o PP lucense. Elena Candia é agora a presidenta de todos e aproveito estas liñas para felicitala de novo. Ten por diante unha tarefa ilusionante, que estou seguro que saberá desempeñar. O Congreso xa rematou e agora é o momento de sumar. O reto que asume a nova presidenta é que todo o mundo se sinta representado, que todos nos sintamos partícipes deste proxecto de partido. Só xuntos poderemos conseguir grandes obxectivos. Debémonos ao partido e, polo tanto, á nova presidenta, que conta co aval das urnas e o apoio e a lealdade de todos os que formamos parte do PP lucense. No Partido Popular de Lugo non hai etiquetas, todos camiñamos xuntos e traballaremos desde dentro para forxar un partido sólido. A unidade é o noso activo máis importante e o noso obxectivo máis inmediato é seguir sendo a referencia na provincia nas próximas eleccións autonómicas. Nin houbo nin hai rivais dentro do PP, senón compañeiros que nos esforzamos por integrar un proxecto común. Non hai dúbida de que o partido saíu do Congreso máis forte. Só houbo un ganador: a democracia e a renovación interna.

No hay comentarios: