martes, 1 de marzo de 2016

Transacción Comercial

Non hai nada peor nestes momentos para España que perder o tempo e facérllelo perder aos cidadáns. Cada político debe ser responsable das súas accións e isto deben telo en conta Pedro Sánchez e Albert Rivera. O acordo que asinaron esta semana o único que produce é bloqueo institucional. Un bloqueo que xa comeza a pasar factura a España, as principais axencias de cualificación empeoraron as perspectivas da economía do noso país. E eles son os responsables. Pedro Sánchez leva dous meses rexeitando unha negociación co partido que gañou as eleccións, o Partido Popular. E o que necesitamos agora mesmo é un Goberno estable, cunha maioría ampla, na liña dos grandes países europeos e ese Goberno debe estar encabezado por Mariano Rajoy, que é o único ao que as urnas lexitimaron para gobernar. O pacto PSOE-Ciudadanos non é un pacto de investidura, porque 90 máis 40 non suman; nin de Goberno, porque con 130 deputados non é posible aprobar leis e moito menos reformar a Constitución. Enganan aos españois cando din que reformarán a Carta Magna, porque saben que non poderán facelo sen o apoio do PP. Sánchez e Rivera pretenden eliminar as Deputacións, sen darse conta de que son institucións imprescindibles para garantir a igualdade de todas as persoas. En provincias coma Lugo, cunha poboación moi diversificada, os cidadáns do medio rural pasarían a ser de segunda división, deixarían de ter os mesmos servizos ca os que viven na cidade e iso sería inxusto e inasumible. Ademais, a súa desaparición implicaría que as súas funcións foran asumidas por outras entidades territoriais, posiblemente de nova creación e probablemente cun maior custe. A débeda das Deputacións representa só 0,3% do PIB nacional. Non ten ningún sentido suprimilas e isto non o dicimos só os políticos do PP. Destacados dirixentes socialistas, entre eles os presidentes de Castela A Mancha, Aragón e Andalucía ou o propio presidente da institución lucense, saíron na súa defensa. O acordo Sánchez-Rivera é, simplemente, un pacto de intereses; un pacto froito do interese persoal de Albert Rivera e a necesidade de Pedro Sánchez de salvarse a si mesmo. Os seus intereses persoais están por riba de todo e de todos. E isto non é tolerable, o PP nunca votará a favor dun acordo prexudicial para España.

No hay comentarios: