jueves, 7 de abril de 2016

Aposta por unha gran coalición

Xa perdemos a conta. A enésima escena da obra teatral protagonizada por Pedro Sánchez foi vergoñenta. Foto nos corredores con Pablo Iglesias e ensaio teatral na sala de reunións. Que non nos enganen, non hai avances no fondo, só unha foto máis para a hemeroteca. Trala reunión Iglesias explicou a súa aposta por unha coalición radical á valenciana entre o Partido Socialista, o pablismo-leninismo e a esquerda comunista. Mentres, Sánchez comunicou aos medios que a súa opción é a vía 199, é dicir, un tripartito entre o PSOE, Ciudadanos e Podemos. A opción de Pablo Iglesias traería a España a ingobernabilidade, o avance do paro e do independentismo e o illamento internacional. A que propón Pedro Sánchez é unha vía que nace morta, porque Podemos e Ciudadanos xa se excluíron mutuamente en reiteradas ocasións. Fronte a estas dúas fórmulas fracasadas está a proposta sensata do Partido Popular. Rajoy non modificou a súa posición, é o único que se mantén fiel aos seus principios e ao mandato das urnas; aposta desde a noite electoral pola gran coalición, a semellanza das grandes potencias europeas, que permita forxar reformas duradeiras e garantir o futuro de España. Fronte ás fórmulas de desgoberno que nos propoñen Podemos e PSOE e non sabemos se tamén Ciudadanos, cuxo líder Albert Rivera non fixo máis que mudar de opinión; o PP ofrece sensatez, un Goberno amplo e verdadeiramente transversal que permita consolidar a recuperación económica e o liderado europeo, que garanta a unidade de España e reforce a seguridade fronte ao terror. Que non nos siga enganando Pedro Sánchez. Só existirá goberno se o PP e o PSOE se poñen de acordo. Calquera outra alternativa é simplemente unha alternativa para a investidura, pero non unha opción de goberno sólido. O verdadeiro problema está en que o goberno que máis interesa aos españois non é o que máis lle interesa a Sánchez.

No hay comentarios: