martes, 19 de abril de 2016

Volvemos ao principio

O Rei anunciou a celebración dunha nova rolda de contactos; volver ás urnas non é a mellor opción para España e aínda estamos a tempo de evitalo. Segue habendo dúas opcións: o Goberno de base ampla presidido por Rajoy, que é o que necesita España e o que votaron os españois; ou o pacto á desesperada de Pedro Sánchez coa esquerda radical. Sánchez fíxonos perder o tempo e, tralo fracaso da reunión tripartita entre Podemos, Ciudadanos e o PSOE, está disposto a seguir co espectáculo. O PP non quixo participar, en ningún momento, desta farsa. Queda claro quen son os responsables: os tres partidos que levan 110 días dicindo que vai ser posible un pacto e demostrando que non o é. Se C´s e o PSOE tiveran aceptado a man tendida de Mariano Rajoy, España xa hai tempo que tería Goberno. Xa ninguén dubida de que se iniciou a recuperación económica e para mantela é imprescindible articular un goberno de base ampla. España necesita un proxecto viable centrado na seriedade, a mesma seriedade que levou a Mariano Rajoy a deixar aprobados os orzamentos -a pesar das críticas- para permitir que España continúe funcionando, malia os xogos e o espectáculo de Sánchez-Iglesias e Rivera. Rajoy amosou sentido da responsabilidade mantendo a man tendida desde o 21 de decembro. É o sectarismo de Pedro Sánchez o que nos leva a repetir eleccións. Sabe que a chave da súa supervivencia política pasa por ocupar, a toda costa, a presidencia do Goberno. É o momento de que o líder socialista recoñeza o que o Presidente Rajoy xa dixo o 20-D: a Gran Coalición é a única posibilidade. É o mesmo modelo que xa se aplica en 15 dos 28 países da UE. En Alemaña hai unha coalición presidida por Angela Merkel, porque gañou as eleccións, cos socialdemócratas. E en Austria hai unha coalición presidida polos socialdemócratas, porque gañaron as eleccións, cos membros do Partido Popular. En España aínda estamos a tempo.

No hay comentarios: