martes, 31 de mayo de 2016

Incerteza non, grazas

Estamos a un mes de volver ás urnas, algo inédito na nosa democracia, igual de inéditos que estes meses de encontros e desencontros que non serviron para nada. Os que falaban da “nova e a vella política”, ao final non aportaron máis ca improvisacións, ocorrencias e escenificacións. Optaron por intentar acordos con Podemos e apoiar pactos con candidatos que non gañaron as eleccións. No PP fomos os únicos en manter as ideas claras e propoñer, desde o principio, a gran coalición de constitucionalistas. España non pode seguir vivindo na incerteza. Agora o que importa é o futuro. No Partido Popular presentámonos ao 26-X cun candidato solvente e con experiencia e cun proxecto centrado en chegar a 2020 con 20 millóns de empregos, afianzar o Estado de Benestar, subir as pensións e modernizar a nosa educación. Hoxe, máis ca nunca, é necesario apostar polas políticas que xa permitiron crear un millón de postos de traballo. O próximo 26 de xuño debemos acudir todos a votar, pero debemos facelo con sensatez. Hai que ter coidado, porque pódese votar a un candidato e acabar entregando o Goberno a outro totalmente diferente. Nós non enganamos a ninguén; Mariano Rajoy deixou claro cáles son os nosos cinco grandes obxectivos para España: o crecemento económico o emprego, o mantemento e a mellora das políticas sociais, a loita contra o terrorismo, a unidade de España e o fortalecemento institucional. Hai algúns candidatos que só pensan na súa supervivencia persoal, puidemos comprobalo estes meses; outros que pretenden facer experimentos que xa arruinaron a vida de millóns de persoas noutros países e outros aos que non lles importou sentarse con extremistas. Fronte a gobernos débiles e improvisacións fronte á radicalidade e o extremismo; o Partido Popular representa á España moderada e conta cun candidato con preparación e experiencia. Somos o único partido centrado nas persoas e en solucionar os seus problemas reais. Nestes días que nos quedan antes do 26-X é moi importante reflexionar con sensatez e tranquilidade, valorando o que xa se conseguiu e afrontando o futuro con optimismo.

No hay comentarios: