martes, 3 de mayo de 2016

Volvemos ás urnas

Teatro mediático e parálise política. Así podería resumirse o que aconteceu estes catro meses en España. O principal responsable desta nova convocatoria electoral é Pedro Sánchez, que se instaurou na estratexia do “non” desde o primeiro día, sempre acompañado polo seu socio, Albert Rivera. O único positivo disto é que os españois puideron comprobar a falta de proxecto político e de seriedade persoal de Sánchez e a nula fiabilidade de Rivera, que non dubidou en deixar atrás o seu compromiso electoral de apoiar a lista máis votada para camiñar da man de Sánchez. Fomos testemuñas da desesperación política do líder do PSOE desde o primeiro ata o último día, unha desesperación que incluso o levou a aceptar a oferta improvisada de Compromís. Só cando esta proposta foi ridiculizada polo seu socio Rivera e por Pablo Iglesias, comprendeu a inconsistencia da súa ambición. Fronte ao teatro e ao postureo, Mariano Rajoy amosouse coma un valor útil e seguro. Foi o único que priorizou os intereses de España por encima de posicións persoais e partidistas e mantivo a coherencia desde o principio. A súa proposta de gran coalición moderada, ao estilo europeo, era e é a mellor opción. O rexeitamento sectario de Pedro Sánchez a dialogar con Rajoy impediu que se formase esa gran coalición de PP-PSOE-C´S, que sumaría máis de 250 escanos e estaría formada por tres partidos que teñen a mesma posición en cuestións fundamentais como a unidade de España, a soberanía nacional e a igualdade dos españois, e permitiría ter feito reformas duradeiras que aportaran seguridade e permitiran afondar na recuperación económica. Afortunadamente non estaremos gobernados por partidos anticonstitucionaslistas, que apoian a ruptura de España e se achegan perigosamente a grupos terroristas. Pablo Iglesias e Íñigo Errejón, a cara dura e a branda dun mesmo Podemos extremista e radical. PSOE, Ciudadanos e Podemos retratáronse. Fixérono eles sos, coas súas actuacións. E estou seguro de que os españois saberán valorar a seriedade e o rigor fronte a pantomima, a informalidade e o radicalismo.

No hay comentarios: