martes, 19 de julio de 2016

Democracia e unidade fronte ao terror

Gustaríame non ter que empezar estas liñas amosando as miñas condolencias e as do meu partido ás vítimas do brutal atentado, pero a senrazón alterou de novo a convivencia libre de todos os demócratas. Hoxe a dor dos nosos veciños franceses é tamén a nosa. O salvaxe atentado de Niza, igual que os acontecidos nos últimos meses, é un ataque contra o noso sistema de valores e liberdades. Intentan liquidar a nosa forma de ser e de entender a vida e sobre todo, o máis importante que temos como seres humanos, que é a liberdade e os nosos dereitos como persoas. Ninguén está a salvo desta barbarie indiscriminada: hoxe foi Niza e antes foron Bruxelas, Londres, París, Madrid ou tantos outros lugares do mundo. O terrorismo é unha ameaza global contra a civilización e contra os dereitos humanos en calquera parte do mundo. Todos somos vítimas potenciais desta barbarie, ata hai pouco inimaxinable. A defensa dos dereitos das persoas e dos nosos ideais sempre foron e serán sinal de identidade do noso partido. Cando se trata da vida, a liberdade e a convivencia non hai equidistancias nin transixencias posibles. Temos a razón moral e a razón legal: nin os terroristas nin os seus cómplices se verán lexitimados nunca. O noso presidente, Mariano Rajoy, convocou o Pacto Antixihadista de inmediato. Dende o PP queremos agradecer a responsabilidade da maioría dos partidos e invitamos a todas as forzas políticas a unirse á sinatura do Pacto. Non serve estar só como observador cando hai un atentado, senón que é bo comprometerse coa defensa das nosas liberdades e con esa unidade de todos os partidos democráticos para vencer a barbarie. Cos fanáticos non se pode dialogar, simplemente hai que derrotalos con todo o peso da lei e con toda a forza do Estado de Dereito. Por iso, debemos reforzar a cooperación entre os países da UE a todos os niveis, en particular o intercambio de información entre os corpos de seguridade e as autoridades xudiciais. A pesar da profunda dor que hoxe todos sentimos, estamos seguros de que a senrazón dos terroristas non conseguirá dobregar as nosas conviccións democráticas; o noso modelo de convivencia e o noso proxecto europeo prevalecerán.

No hay comentarios: