martes, 2 de agosto de 2016

Diálogo e vontade de entendemento

España leva sete meses de interinidade política e a situación actual non pode nin debe prolongarse máis tempo. Precisamos, con urxencia, un Goberno estable que sexa capaz de facer fronte aos principais retos do noso país. Isto non é algo novo, levamos meses dicíndoo e lembrouno o noso presidente Mariano Rajoy logo da súa xuntanza co Rei Felipe VI. O único novo, é que o Monarca lle pediu a Rajoy que intente formar un Goberno estable e niso continuamos traballando. No PP estamos dispostos a negociar co único obxectivo de acadar un goberno baseado nos valores constitucionais e no consenso do proxecto europeo. É tempo de diálogo e de vontade de entendemento; todos debemos actuar con sentido común e con lealdade porque non podemos permitirnos, baixo ningún concepto, unha nova lexislatura errónea. Mariano Rajoy xa deu o primeiro paso, enviou ás forzas políticas un documento de traballo con propostas para un programa de Goberno compartido. É unha proposta aberta ao diálogo e ao pacto, un documento para a negociación que permita acadar consensos. Os políticos temos unha responsabilidade adquirida cos españois, a responsabilidade de dialogar e chegar a acordos, porque iso é o que nos pediron as urnas. De ningunha maneira podemos permitir que haxa unha nova convocatoria electoral. O democrático e o sensato é que o PP lidere ese novo Goberno, porque ten 52 escanos máis que o segundo partido. É unha cuestión de sentido común, España necesita un Goberno para manter a estabilidade institucional e a imaxe internacional; para garantir a seguridade e permitir continuar coa senda do crecemento económico. Os datos da EPA que acabamos de coñecer revelan que nos últimos 12 meses se crearon 434.000 postos de traballo e que a taxa de paro se sitúa no 20%. Isto é froito do esforzo de todos e nesta liña debemos seguir traballando, pero para iso necesitamos un Goberno solvente. Mariano Rajoy non pode dicilo máis claro: quere gobernar e por iso continuará no seu empeño de establecer consensos que llo permitan. Ten a lexitimidade das urnas, o aval dun traballo ben feito e o apoio de todo o Partido Popular. Falta que o resto das forzas políticas actúen con altura de miras e sentido da responsabilidade, acatando a decisión dos españois. Confío en que isto sexa posible e que España poida ter máis pronto que tarde, un Goberno que permita retomar a normalidade democrática.

No hay comentarios: