martes, 15 de noviembre de 2016

Polo futuro de Galicia

Galicia acaba de garantir un futuro próspero e seguro. Onte Alberto Núñez Feijóo foi elixido, por terceira vez consecutiva, Presidente da Xunta de Galicia. Non teño dúbida de que os galegos temos o mellor dos presidentes posibles. A Feijóo aválano os seus oito anos de boa xestión e o apoio que máis de 670.000 galegos lle outorgaron nas urnas. Na súa intervención no Parlamento, á que tiven a oportunidade de asistir, Alberto Núñez Feijóo apelou ao diálogo coa oposición para acadar pactos que garantan un futuro prometedor para Galicia, sen impoñer a súa maioría absoluta, senón exercendo unha maioría aberta. As cifras macroeconómicas sinalan que estamos entrando nun ciclo económico expansivo e que Galicia pechará o 2016 cun crecemento do 3% e manterá o ritmo de creación de emprego. Por iso, o novo Goberno de Alberto Núñez Feijóo terá como principal obxectivo nesta lexislatura conseguir emprego de maior calidade, aprobando unha nova Lei de Emprego que sitúe a taxa de paro por debaixo dos dous díxitos. A nosa provincia terá un peso especialmente importante nos próximos catro anos nos que o sector primario, crucial na economía lucense, recibirá un impulso importante por parte do Executivo. Igual que na anterior lexislatura as políticas adoptadas por parte da Xunta conseguiron reactivar ao sector naval e automobilístico, agora é o momento de reforzar o apoio aos agricultores e gandeiros con iniciativas que garantan a suba de prezos e aporten estabilidade. Tanto en España como en Galicia as urnas falaron e rexeitaron o “non é non”, aínda que algúns parece que non o teñen claro e se empeñan en seguir anticipando as súas negativas a todas as propostas do Partido Popular, sen escoitar. E en política e en democracia é importante escoitar as propostas dos demais e dialogar. Os que se negan ao diálogo e á vontade de acordos amosan que antepoñen os seus intereses persoais e partidistas aos intereses dos galegos e os españois.

No hay comentarios: