lunes, 23 de enero de 2017

O Senado, voz das autonomías

Estes días síntome máis orgulloso, se cabe, de ser o Voceiro do Grupo Popular no Senado. A Cámara Alta amosou unha das súas razóns de ser coa celebración da VI Conferencia de Presidentes: representar aos territorios e escoitar a súa voz. A voz de todos os que queiran ser escoitados. Na miña opinión, e creo que non me equivoco se digo que é o sentir da maioría dos españois, non hai xustificación para o plantón do presidente vasco, Íñigo Urkullu e o de Cataluña, Carles Puigdemont. Non lle deron plantón ao presidente do Goberno, déronllo a todos os mandatarios autonómicos e impediron que os problemas dos seus cidadáns sexan escoitados. É un xesto político de irresponsabilidade que só se explica utilizando o argumento independentista e soberanista. Esta foi unha Conferencia na que primou o espírito de colaboración e a vontade de acordo por parte de todos os mandatarios asistentes. O resultado, como dixo o noso presidente, Mariano Rajoy, foi “proveitoso e construtivo”. O obxectivo é integrar o Cumio na axenda institucional de forma anual. As comunidades non son compartimentos estancos e non poden actuar como tal, por iso é importante dialogar e compartir posicións. No Senado, pecháronse unha ducia de acordos en materia enerxética, de emprego, demografía, educación, unidade de mercado, violencia de xénero, participación na UE e financiamento. Isto último foi o máis importante; o compromiso de acadar un novo modelo de financiamento rexional que beneficie a todos. Son acordos aos que Cataluña e o País Vasco non poderán dar as costas a pesar de terse ausentado da cita. Rajoy volveu tender a man a Puigdemont que, aínda que non participe, terá que adaptarse ao novo modelo de financiamento acordado, como o resto dos territorios, a excepción do País Vasco e Navarra, que teñen rexímenes de Concerto especiais. Estou convencido de que a Conferencia a partir de agora será un punto de encontro anual que permita construír, que evite trabas rexionais, que fomente o diálogo, potencie a optimización dos recursos públicos, que son os recursos de todos e garanta a igualdade dos españois con independencia do territorio en que vivan.

No hay comentarios: