lunes, 6 de febrero de 2017

Congreso para a estabilidade de España

A próxima fin de semana, o meu partido, o Partido Popular, celebrará en Madrid o seu XVIII Congreso Nacional. Será unha fin de semana de encontros e análise pero, sobre todo, de debate sobre os temas que máis preocupan aos españois. E é que nós, a diferenza doutros, estamos centrados niso, en debater sobre os problemas das persoas e que están recollidos nos cinco relatorios que se debaterán no noso Congreso. Isto é así porque somos un partido forte, unido e estable; sen enfrontamentos internos. Aínda que debería ser o habitual non é o que está sucedendo noutras formacións políticas, nas que as loitas de egos impiden buscar solucións aos problemas reais da sociedade. En Madrid, a próxima fin de semana escenificaranse dúas das formas de entender a sociedade e de afrontar os problemas. Por un lado, a posición que defende o PP, que acude ao Congreso con un único candidato, que é o noso presidente, Mariano Rajoy. E por outro lado, a ruptura absoluta, a loita fratricida, coa que Podemos acude a Vistalegre II: coa súa dirección totalmente rota, Íñigo Errejón e Pablo Iglesias enfrontados e a dimisión dunha das cofundadoras e mulleres fortes do partido morado, Carolina Bescansa. Nós respectamos os tempos, os procesos e os sistemas de decisión doutros partidos, pero non admitimos que ninguén nos dea leccións de democracia interna. O noso sistema de elección de candidato baséase na democracia representativa. Igual que en España os cidadáns elixen aos deputados e senadores como os seus representantes nas Cortes, no PP os militantes elixen aos compromisarios como os seus representantes no Congreso do PP. Os deputados son logo os que elixen na Sesión de Investidura ao presidente do Goberno e os compromisarios os que elixen no Congreso ao presidente do PP. Estou convencido de que o próximo luns, mentres outros terán que reflexionar pechar as feridas da fin de semana, no Partido Popular estaremos aínda máis unidos e con máis argumentos para resolver os problemas que máis inquietan aos nosos veciños e seguir aportando estabilidade a España. Esa é a nosa única preocupación.

No hay comentarios: