martes, 21 de febrero de 2017

Xuntos somos mellores

Hai uns días tiven a posibilidade de visitar Cataluña, acompañado polo Consello de Dirección do Grupo Parlamentario Popular no Senado, para amosar o noso apoio unánime a toda a sociedade catalá; porque xuntos somos mellores. Únenos a nosa historia e únennos lazos afectivos e persoais; somos a nación máis antiga de Europa e xuntos fomos capaces de crear o sistema de autonomías, que nos aporta unhas cotas de autogoberno superiores ás de calquera estado federal, por exemplo Alemaña. Non ten ningún sentido moral dividir España e tampouco é posible facelo desde o punto de vista da legalidade. O Tribunal Constitucional acaba de acordar por unanimidade anular a resolución do Parlament Catalán para convocar un referendo soberanista e, aínda así, os partidos radicais seguen obcecados en saltar a lei e obviar as resolucións xudiciais. A posición do Goberno é clara, díxoo Mariano Rajoy por activa y por pasiva, a lei hai que cumprila e é impensable discutir cáles leis se cumpren e cáles non, porque se fixésemos iso España deixaría de ser un Estado de dereito e democrático. O Goberno mantén a súa posición de seguir dialogando con todas as institucións catalás, pero sen poñer en cuestión a unidade de España, a soberanía nacional e a igualdade de todos os españois, independentemente do lugar onde vivan. O Partido Popular garantiu sempre e garantirá a defensa da pluralidade do conxunto do país. Ningún español pode ser privado do seu dereito a decidir o que queren que sexa o seu país; España é e será o que digan todos os españois e non só uns cantos. Eu, síntome orgulloso de poder dicir que son galego e español e creo, sinceramente, que iso é o que senten tamén a maioría dos catalás. Non me cabe dúbida de que nos últimos anos a sociedade catalá está padecendo os problemas xerados polas políticas radicais e irresponsables dalgúns. Gustaríanos que os partidos independentistas abandonasen definitivamente o modelo social radical no que están instalados e que xuntos puidésemos traballar pola estabilidade e o crecemento de España. A lei non se fai á medida de ningún político e todos debemos someternos a ela, o contrario sería un disparate.  

No hay comentarios: