lunes, 6 de marzo de 2017

Presupostos, responsabilidade de todos

Hoxe quero pedir responsabilidade. E fágoo porque me vexo na obriga moral e política de responder ante os españois, que teñen amosado a súa confianza en nós, os seus representantes públicos, os elixidos para xestionarlles as administracións públicas e facer a vida mellor a todas as persoas. Tralas incertezas que este país viviu ao longo de case un ano cun goberno en funcións; agora que a situación se normalizou, que a nosa economía está experimentando un crecemento medio do 3,2%, case o dobre que a media da zona euro; agora que creamos emprego de maneira intensa e que os datos nos din que seguiremos facéndoo; agora que o Goberno de Mariano Rajoy pon en marcha medidas para mellorar o Estado de Benestar; véxome na obriga de pedir responsabilidade a todos os partidos. E pídoa ás forzas políticas,a Ciudadanos, ao PSOE, aos partidos nacionalistas que non están inmersos na demencia sen sentido da independencia. A todos eles pídolles que non frustren as esperanzas que os españois teñen depositadas no seu futuro, que amosan que eles, todos os españois, son o primeiro, por riba de intereses partidistas e que actúen con responsabilidade, con sentido común, con visión de futuro. Non pedimos un cheque en branco para aprobar os Presupostos, porque somos conscientes de que será necesario moito diálogo e negociación entre o PP e outras forzas políticas. Sen contas públicas ponse en risco o dinamismo da economía española e, por iso, agora teñen na súa man amosar este compromiso permitindo que España poida ter uns Presupostos, ou o que é o mesmo, que as persoas poidan seguir adiante cos seus proxectos e teñan aseguradas as súas necesidades e servizos; en definitiva, que poidan mirar ao futuro sen as incertezas de tempos recentes. A responsabilidade de aprobar os Presupostos non só é do Goberno, é de todos os partidos e os que non os apoien terán que dar conta ao conxunto da sociedade española. O sentido común ten que primar, non se pode levar ao país a uns novos comicios, desde logo o Partido Popular non o vai facer.

No hay comentarios: