lunes, 26 de febrero de 2018

Elección directa de alcaldes

Hai unhas semanas que Ciudadanos e Podemos decidiron pactar a Reforma da Lei Electoral e fano, non en busca dun sistema máis xusto e mellor, senón para obter réditos partidistas. O sistema electoral que temos vixente agora mesmo baséase na fórmula D´Hont para o reparto de escanos, esta é a fórmula electoral proporcional máis utilizada no mundo, vixente en máis de 40 países e que durante todos estes anos de democracia en España, permitiu que toda forza política que é apoiada social ou territorialmente, teña representación no Congreso dos Deputados. Desde o Partido Popular non nos opoñemos, en ningún caso, a unha reforma da Lei Electoral, pero cremos que ten que ser por consenso, tal e como figura no acordo de Goberno que asinamos con Ciudadanos. Por iso, pregúntome por que agora a formación de Albert Rivera asinou con Podemos un pacto para modificar o sistema de reparto de escanos á marxe da Subcomisión creada para debatelo. A única resposta posible é que tanto Rivera como Pablo Iglesias queren modificar a Lei para obter beneficios políticos persoais; e iso non pode ser. Se queren sacar máis escanos que non busquen atallos. Non é bo para España nin para os españois buscar fórmulas en base aos intereses de cada un. Non se pode permitir que diminúan a representatividade e a capacidade de influencia da España que habitualmente non ten voz: a España rural. O Partido Popular sempre defenderá a voz do mundo rural e eu, desde a miña posición política, defenderei que o voto dos meus veciños de Lugo siga tendo o mesmo peso que o dunha persoa de Madrid ou Barcelona. Desde o PP propoñemos unha modificación consensuada, unha proposta sinxela e limpa na que o que obtén máis votos goberna. Planteamos a elección directa dos alcaldes para as próximas eleccións municipais para que poda gobernar quen gaña as eleccións. En definitiva, o que quere o Partido Popular é que goberne quen decidan os votantes nas urnas e non quen decidan os políticos nos despachos.

No hay comentarios: