viernes, 27 de abril de 2018

Recoñecemento a máis dun século de información

Adoito aproveitar estas liñas para expoñer a miña opinión sobre temas de interese político e social pero hoxe quero empregalas para felicitar ao xornal no que estou escribindo polo seu dobre aniversario, xa que este ano fanse 10 años do seu nacemento e ademais acábase de celebrar a XXV edición dos premios Puro Cora, á que tiven o pracer de asistir. O xornalista Manuel Campo Vidal, ao que tamén felicito desde aquí, foi o galardoado nesta vixésimo quinta edición dun premio que naceu da man de El Progreso co obxectivo de recoñecer a traxectoria de personalidades do mundo da comunicación, ou iniciativas vencelladas cos medios informativos. Ninguén pon en dúbida hoxe en día a importancia dos medios na nosa sociedade; son unha pata máis da democracia sen a cal o equilibrio do sistema quebraríase. O bo periodismo, o periodismo veraz, é imprescindible. Porén, asistimos con certa vertixe á proliferación de noticias falsas, as coñecidas como fake news, que campan as súas anchas polas redes sociais, xerando desinformación e manipulando á opinión pública. Todos, políticos e periodistas, debemos asumir a nosa responsabilidade para erradicar este tipo de noticias que danan a esencia mesma do xornalismo, atacan a democracia e, en moitos casos, calumnian de forma directa a persoas públicas e/ou anónimas. Desde o PP propuxemos no Congreso dos Deputados unha Proposición non de Lei para acabar coas fake news. Non se pode permitir que uns poucos, amparándose na liberdade que ofrecen as redes sociais, poñan en risco a credibilidade da profesión periodística. Lembrouno no seu discurso Campo Vidal afirmando que nun mundo de noticias falsas “El Progreso é un periódico que se parece a un periódico, nun momento no que non moitos medios poden dicir isto". Naceu en 1908 co obxectivo de contar todo aquilo que sucedía na provincia e hoxe, máis dun século despois, segue informándonos a todos os lucenses con rigor e converteuse, por méritos propios, nun referente informativo e cultural no ámbito da comunicación en Galicia. Parabéns.

No hay comentarios: