lunes, 16 de julio de 2018

Lembranza a un galego bo e xeneroso

Cando un ten que despedir a un compañeiro, a un referente, a un político con maiúsculas, as palabras quedan escasas. Nin a historia do Partido Popular nin a de Galicia se entenderían sen o papel xogado por Xerardo Fernández Albor. Foi o primeiro presidente electo da Xunta e un dos pais do autogoberno galego, pero sobre todo foi un político honesto e traballador e unha boa persoa. Acostuma a dicirse que cando alguén bo se vai non só o eloxian os seus compañeiros senón tamén os seus rivais no terreo de xogo e así foi no caso do presidente Albor. Pode sentirse orgulloso da súa herdanza, da Galicia que axudou a construír, porque cando el entrou en política estaba case todo por facer, o seu legado estará sempre con nós. Dicía que “Galicia era unha terra fácil de amar” e fíxoo desde o seu papel de servizo público e desde a súa faceta máis persoal. Foi un fervente defensor da cultura galega e á vez un europeísta convencido, posturas que hoxe en día moitos ven como irreconciliables e que na súa persoa quedou demostrado que non o son. Serviu a Galicia primeiro desde a Xunta e desde o Parlamento europeo despois, converténdose nun dos principais referentes do galeguismo inclusivo. Fernández Albor levaba sempre a Galicia no corazón, como todos os que creemos que ser gallego é unha forma de sentirse español e europeo. Nos seus cen anos de vida foi premiado coas máis altas condecoracións rexionais, nacionais e internacionais. Foi un home de talante conciliador, deses que no abundan. Amosou a súa capacidade de diálogo dentro e fóra das nosas fronteiras, participando incluso na comisión creada no Parlamento Europeo para a reunificación de Alemaña. Entendía a política como ferramenta de servizo ás persoas, igual que a medicina, a súa outra vocación. Foise o compañeiro, pero queda o seu legado, que estou seguro se engrandecerá co tempo. Ata sempre, presidente Albor.

No hay comentarios: