lunes, 5 de noviembre de 2018

Castigo de Sánchez aos autónomos

Todos coñecemos de preto algún traballador autónomo. Son as nosas parellas, os nosos irmáns, os nosos fillos, os nosos pais, os nosos amigos… son os taxistas, os perruqueiros, os mecánicos, os transportistas, os comerciantes do barrio… todas esas persoas ás que o Goberno de Pedro Sánchez está disposto a deixar de lado. Púxoo de manifesto coas medidas propostas nos Presupostos pactados con Podemos. Desde o Partido Popular faremos todo o que estea na nosa man para impedilo. Para iso, mañá, o Grupo Popular vai converter o Senado na Cámara de apoio a este colectivo a través dunha moción que defenda os seus intereses fronte ás agresións constantes do Executivo. O Goberno do PP, consciente da importancia dos traballadores autónomos na economía do noso país, traballou, incluso nos peores momentos da crise, para apoialos. Sen ir máis lonxe a Lei de Reformas Urxentes do Traballo Autónomo, aprobada hai un ano por Rajoy, foi unha aposta do Partido Popular polos autónomos e os emprendedores. É xusto o contrario do que agora mesmo fan Sánchez e os seus ministros. A suba de impostos aféctalles especialmente e parece que ao Executivo non lle importa castigar a un colectivo que representa máis de 3,2 millóns de persoas e crea un de cada catro empregos en España. Coas súas políticas demagóxicas Sánchez e os seus socios podemitas pretenden facernos crer que a carga impositiva pon o foco sobre os máis ricos, cando non é así. O imposto ao diésel, a suba das cotizacións e do salario mínimo farán que moitos autónomos non poidan afrontar os gastos e se vexan obrigados a despedir aos seus empregados e pechar os seus negocios. Facendo cálculos os incrementos de Sánchez farán que un autónomo pague entre salario e Seguridade Social 2.800 euros máis ao ano por cada traballador. Non é verdade o que di o Goberno, non castigan aos ricos, senón aos que xeran riqueza. Desde que Sánchez chegou á Moncloa o número de autónomos diminuíu; só na provincia de Lugo de xuño a setembro a cifra reduciuse en 200 persoas, situándose na actualidade en preto de 22.500. O PP non os vai deixar de lado, ni a eles nin ao resto de autónomos do país. Axudáronnos a sacar a España da maior crise económica e agora faremos todo o que nos sexa posible para apoialos e evitar que Sánchez poña en práctica as súas políticas económicas destrutivas.

No hay comentarios: