viernes, 23 de noviembre de 2018

Non existen os acordos amistosos

Como acontece na maioría das rupturas, os acordos non adoitan ser positivos para ningunha das partes. E o Brexit non ía a ser diferente. O pacto acadado polo Goberno de Theresa May e a UE non deixa contento a ninguén. Somos moitos os que pensamos que tanto o referendo como a ruptura de Londres coa Unión son, por riba de todo, irresponsables. Dous anos despois da votación na que se decidiu a saída da Unión cun resultado moi axustado, a propia May abriu a porta a un segundo referendo tralas dimisións no seu gabinete e sen ter claro se obterá o respaldo do Parlamento. O único que todo o mundo parece ter claro é que cando se formalice a ruptura no Reino Unido nada volverá a ser o mesmo. De momento, Londres sitúase nunha posición transitoria, previa ao divorcio, que debería formalizarse o 29 de marzo de 2019. Se os cidadáns sairán beneficiados ou prexudicados é aínda unha incógnita, igual que o propio Brexit, xa que a día de hoxe hai máis portas abertas que entreabertas, e case ningunha cerrada de todo. A España aféctalle especialmente o acordo con Xibraltar e neste sentido o Partido Popular pediu ao ministro de Asuntos Exteriores que explique no Congreso os principais puntos do texto, porque non temos a certeza de que sexa o máis beneficioso para o noso país. O Goberno non debe desaproveitar a oportunidade de negociar a soberanía do Peñón. Outro dos asuntos controvertidos neste divorcio e que lle afecta directamente a Galicia ten que ver coa situación na que se quedará o sector pesqueiro. Hai centos de barcos galegos repartidos entre os caladoiros de Gran Sol e as Malvinas aos que este acordo lles toca de cheo. O que ata agora se establece é que Londres poderá decidir se abre as súas augas a frota comunitaria cando finalice o período transitorio. Moitas dúbidas e demasiados intereses en xogo que se decidirán nos próximos meses. Desde o Partido Popular actuaremos sempre dentro do marco legal e coa máxima responsabilidade defendendo, por riba de todo, aos españoles. A conclusión que eu extraio deste divorcio non consumado é que as rupturas territoriais só favorecen intereses partidistas.

No hay comentarios: