jueves, 8 de mayo de 2008

A Crise

As contas non saen. Esa é a conclusión (a única conclusión, recalcaría eu) que se pode sacar por moito que os que teñen a responsabilidade de buscar e aplicar solucións se empeñen en utilizar xogos de palabras ou eufemismo, máis ou menos ocurrentes, para evitar recoñecer a toda costa o que está na mente de todos. Estamos en época de vacas fracas e mirar para outro lado ou negalo ata a saciedade agardando a repetición do milagre dos peixes e dos boliños de pan, non axuda. Ó contrario, cabrea cada vez máis ó batallón de cidadáns que comproban, día a día, a inanición dos seus petos.

Despois de meses negando a crise económica, o Goberno de Zapatero principia a recoñecer a existencia do problema. Está a cambiar a versión despois de que (agora ponse claramente de manifesto), por oportunismo político dada a proximidade das eleccións Xerais, insistira en que todo ía ben.

Pero non había daquela nin neste intre máis que botarlle unha ollada ós xornais, escoitar a radio ou ver calquera informativo da televisión. Non se trata xa de pasarse de optimista ou de racanear o matiz positivo no rastreo dalgún dato útil para calquera que sexa a argumentación que queiramos empregar á hora de facer unha análise medianamente seria da nosa economía.

Non hai máis que vivir neste país para constatar o deterioro do emprego. Subiu o paro, os mileuristas son miles e ata se conforman a nada que comproben o que pasa ó seu arredor, a conciliación da vida familia e laboral non é posible para a maioría... A producción industrial está a caer en picado. Os gandeiros e os pescadores están xa na rúa repetindo o que veñen dicindo xa hai meses, que simplemente non poden aguantar máis. A construcción vai a baixa e o excedente de traballadores principia a ser algo máis que un rumor ou unha posibilidade...

Todos os indicadores apuntan na mesma dirección: o que uns chaman crise e outros, desaceleración económica. Non importa o nome. O importante é atopar solucións, buscar alternativas para que, aínda que sexa transversalmente, poidamos esquivar ou sobrepoñernos ó mal trago.


O primeiro paso para traballar na dirección correcta, paliar con medidas concretas e urxentes os problemas que afogan a todos os sectores implicados, é recoñecer que as contas non saen ou, se preferimos empregar o eufemismo, non suman o suficiente.

No hay comentarios: