domingo, 27 de abril de 2008

Os retos

Vouvos falar do novo Goberno de Zapatero aínda que sin entrar nos aspectos que xeraron durante estes días un motón de opinións encontradas, como pode ser o feito de que por primeira vez unha muller sexa ministra de Defensa ou que a cota fiminina supere á masculina no novo gabinete.

Chamoume moito a atención unha información publicada hai uns días na edición local dun xornal na que se dá conta do importante deterioro que presenta o acceso á nova terminal ferroviaria de mercadorías de Lugo, fundamentalmente porque a estreou o pasado mes de xaneiro, durante a precampaña electoral, unha ministra que durante a pasada lexislatura non se caracterizou precisamente por favorecer os intereses da nosa provincia. Refírome, como seguro xa imaxinábades, a reprobada Magdalena Alvarez, que repite como titular de Fomento pese a que os precedentes da súa xestión foron nefastos para Lugo e Galicia, polo que cando volte a visitarnos terá que sentirse avergoñada do que fixo, ou mellor dito, do que non fixo.

Cambio de ministerio: Medio Ambiente, Medio Rural e Marino.

O sector primario galego, a agricultura e a pesca, cada vez ve máis reducida a súa importancia e protagonismo e parecen xerar menos interese no Goberno de España. A fusión de sectores vitais para o desenvolvemento económico da nosa provincia están agora remexidos nun macroministerio do tres en un. Tampouco eiquí a refrendada ministra galega Elena Espinosa se caracterizou pola súa defensa dos intereses dos sectores que representaba na pasada lexislatura en España, e moito menos en Europa. O futuro non pinta ben coa tendencia que se está a marcar no presente: a crise que está a afectar ó sector lácteo e cárnico da nosa provincia non tivera precedentes tan graves.

O medio ambiente é fundamental non só para asegurar a sostenibilidade e o futuro senón tamén para a economía e o mantemento de sectores productivos básicos. A relevancia dos problemas derivados da conservación do noso medioambiente non parece recomendar que quede difuminado nun ministerio de tan amplas e dispares competencias.

Volto a cambiar de ministerio. Tócalle agora ó responsable de Cultura, César Antonio Molina, fundamentalmente porque nos seus adiantos de proxectos “estrela” para Galicia boto en falla algún para Lugo. E tamén resulta algo chocante que afirme nunha entrevista publicada recentemente que é inxustificable que calquera obra tarde en facerse varias lexislaturas. Está claro non está moi ó día do que acontece nesta provincia porque, do contrario, faría outro tipo de declaracións categóricas. O Partido Socialista, o Goberno de Rodríguez Zapatero, non cumpriu con Lugo. Por exemplo: Ningunha das infraestructuras prometidas foron executadas na pasada lexislatura.

Nos dous primeiros casos, ambas ministras teñen por diante un papel difícil, aínda que por razóns distintas. Deséxolles moita sorte, pero sobre unha alta dose de comprensión e apoio para que as súas decisións sexan as acertadas para coa nosa provincia e para coas nosas xentes. Ó Sr. Molina tamén lle desexo sorte, pero sobre todo lémbrolle que Lugo tamén está en Galicia e eiquí estamos aínda a agardar que as promesas electorais das Xerais do 2004 se cumplan.

No hay comentarios: