miércoles, 1 de abril de 2009

Festas

Comenza a primaveira e coa teórica melloría do tempo principian tamén a proliferar as citas culinarias da máis diversa índole.

Non é que antes non as houbera. Xa fomos tendo nestes últimos meses algún que outro adianto do que será, aínda que a climatoloxía non resultara tan favorable como é previsible que o sexa a partir de agora, para estas macro festas ó redor dun bo prato de viandas aderezadas por mans expertas ou dunha taza de viño mimado polo sol e pulido por séculos de experiencia.

Galicia é terra de ríos pero sobre todo de festas gastronómicas. Non hai producto típico que esté enraizado no noso bagaxe cultural que non teña un día especialmente adicado a súa exaltación.

En Lugo non somos excepción. Propios e extranos temos claro que eso de “…e para comer, Lugo” é moito máis que unha frase de cartel publicitario. É, simplemente, unha verdade de puño ou de tamaño catedral, o que mellor prefiran.

Ninguén discute que materia prima, de cantidade e calidade, para elaborar pratos ou productos de verdadeira delicatessen, non nos faltan. Mans expertas é cabezas imaxinativas, tampouco.

Así que só quedaba que chegara a primaveira para que abadoáramos con alivio e sin pena a tristura do inverno e nos deixaramos embargar os sentidos coas delicias ben reposadas nos pucheiros.

En Lugo tamén temos claro que non hai boa comida se non está regada por un bo viño. E de caldos tampouco andamos escasos en Lugo. Aí está o calendario de feiras que inaugurou Chantada e que continuará en próximas datas en Amandi.

Os viños lucenses, amparados baixo a denominación de orixe Ribeira Sacra, non paran de recibir eloxios, recoñecementos e premios.

Os romanos xa tiñan claro que na nosa ribeira había bo material para facer excelentes mostos. Os nosos viticultores e adegueiros fan cada día honor a esa experiencia e traballo de séculos e os resultados son, xa o saben vostedes, os que son: excelentes.

Agora toca disfrutar, con sentidiño, desta citas co queixo, co pan, co viño, co porco, co polvo, coa augardente… porque disfrutar delas e tamén promocionalas.

No hay comentarios: