miércoles, 29 de julio de 2009

Eu tamén fun coas vacas

Tomeime a licencia de nomear este artigo como o entrañable libro do meu benquerido amigo Alfonso Eiré. Estou seguro de que non o tomará a mal porque creo que ambos compartimos a mesma fascinación, non exenta de nostalxia, por este rumiante curioso e sociable, tan íntimamente anudado a nosa identidade de país rural.

Galicia, nin a súa economía nin o carácter das súas xentes nin a súa cultura, pode entenderse nin explicarse sen as Marelas, as Pintas, as Gallardas, as Roxas, as Palomas…, porque xa saben que ás vacas galegas só lles falta falar.

Contribuiron de xeito determinante, por exemplo, a mudar a fisonomía do noso país. Galicia foi monte, pastizal ou establo, en función da tipo de explotación gandeira imperante. Incluso favoreceron os cambios na propia distribución da terra cada vez máis alonxada do minifudismo inicial. E tampouco pode entenderse a dispersión e a dimensión dos nosos núcleos rurais, e incluso a mesma fixación da población, se non fora por elas. A terra e a vaca, en Galicia van unidas. E sen vacas, qué será das nosas aldeas, da nosa forma de vida?

Castelao referíase a elas, xunto coas árbores e os peixes, coma un dos símbolos da nosa terra. Ata tal punto, que aseguraba que o día que en Galicia emitiramos papel moeda, non estamparíamos nel nin a políticos nin a sabios nin a artistas, senón a figura dunha vaca. Non é casualidade tampouco, por facer referencia a algo máis próximo ós nosos días, que no Sitio distinto de Antón Reixa o gran premio fora unha vaca.

Os tempos cambian e trastócano todo. As vacas tamén. Pasaron de ser un animal doméstico, con personalidade propia e intransferible; un membro máis da familia, con historia e saga, merecedor de ser chamado polo seu nome; dóciles e obedientes tractores con corazón; que aportaban calor e abono, e ata ingresos extras á unidade familiar coas súas crías (a quen non se lle fixo día escoidando os contos dos vellos mentras se velaba á parturenta?), de ser precursora dunha industria trasformadora primitiva de manteiga, leite mazado, queixo… e do propio leite, a ser un animal case uniformado, carente de cornos e rabo, e xordo ós requerimentos por bautizala cun nome cifrado.

Non é nostalxia do pasado. Nin alegoría doutros tempos. A evolución é inevitable e necesaria. A competencia e a rendabilidade marcan agora non só as relacións productivas e comerciais, tamén o modo de enteder a vida, a vida do noso medio rural. As explotacións agrarias e gandeiras de Galicia mudaron pero gracias a esa mudanza seguen vivas as nosas aldeas.

Son malos tempos para as vacas e para os nosos gandeiros. A razón desta situación límite non é unha nin dúas, senón un compendio de circunstancias que non confluiron por arte de maxia un día concreto. Fóronse fraguando ó longo do tempo.

Os nosos gandeiros, a nosa vida no campo, require da solidariedade de todos, do respaldo de todos, da implicación de todos. E non axuda nada a acadar unha solución a hipocresía na que se intalaron os que nestes últimos anos tiñan capacidade e sobre todo a responsabilidade de adoptar medidas para contribuir a paliar a crise na que está sumido o sector. Esixir que da noite para a mañá todo mude, aínda que se faga encaramandose á cabina dun tractor, non vai borrar o feito de que estiveron varios anos mirando para outro lado, negándose a ver o que se aveciñaba.

Cometéronse moitos erros e non se previron nin se atallaron as consecuencias deses erros de negociación e dunha inaxeitada política agraria desenvolvida tanto polo Goberno do Estado como da propia Xunta. Agora esíxese unha maior implicación do executivo galego neste asunto, pero ónde estaban antes os que de súpeto tanto piden? Que motivou que dun día para outro lles brotara un caudal de ideas que non hai moito non foron quen de poñer en práctica?

O Goberno de Núñez Feijoo, e en especial a área do conselleiro Samuel Juárez, está encarando o problema. Adoptou xa un bo feixe de medidas e está a traballar noutras (e eso que só levan dous meses). Pero que niguén pida (esixa) milagres e menos os que, cando podían, estiveron parados. Non é este un problema exclusivo do sector gandeiro; é unha cuestión de país, que pola súa relevancia e magnitude require e necesita do consenso e do apoio de todos.

3 comentarios:

Cristina López Rois dijo...

Me parece increible que ahora tanto los del PSOE como los del BNG exigan soluciones con resultados inmediatos cuando ellos durante 4 años no fueron capaces de hacer nada además de perjudicar a este sector con unas nefastas negociaciones tanto desde la Xunta como desde el ministerio.
Estoy segura que gracias a las medidas tomanas por Samuel Juárez el sector lácteo saldrá de este problema que tanto está perjudicando a la economía gallega.

Anónimo dijo...

eso de que fuches coas vacas quixerao ver eu...
cristiniña, a ver si te enteras, o BNG mola e ademais e o unico partido que se preocupa de verdade por galiza

Anónimo dijo...

As verbas son de alguén que ten lido sobor da istoria deste pais.
Pero esas verbas non as diría alguén que lle tocara gabear polo monte aganchado do rabo das "marelas", saudos.