lunes, 23 de abril de 2012

Aportación razoable

Algúns datos apuntados hai uns días pola ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade son tremendamente elocuentes para discernir en qué contexto nos movemos. Dixo Ana Mato, entre outras cousas, que a débeda que arrastra o noso sistema sanitario ascende a 15 mil millóns de euros; que 3.700 toneladas de medicamentos acabaron o ano pasado no lixo sen quitarlles sequera o precinto (o que equivale a dicir, redondeando, que tiramos, sen recato, nada máis e nada menos que 1.200 millóns de euros) e mesmo cifrou en preto de mil millóns de euros a atención sanitaria (sen coste adicional) dispensada ós estranxeiros que visitan o noso país. Algo non se debe estar a facer moi ben se acontecen cousas como estas. As reformas introducidas polo Goberno nesta materia van encamiñadas precisamente a correxir algunha delas, como a desmesurada factura do gasto farmacéutico. Pretende, tamén neste eido, introducir no subconscente colectivo a cultura da austeridade e mentalizarnos a todos de que, para que o sistema sanitario continúe sendo universal, público, gratuito e de calidade, hai que asegurar a súa viabilidade. Estando onde estamos, disuadir da práctica frecuente (e abusiva) de acopiar fármacos é unha medida razoable, de sentido común, que levará aparellado, é certo, unha pequena contribución ó sostemento do gasto farmacéutico, en función, eso si, da renda e sempre protexendo ós máis desfavorecidos. Recurrir a ferramentas como a implantación do catálogo de medicamentos, impulsar a prescripción de xenéricos ou establecer a compra centralizada de suministros (que en Galicia, por certo, xa comprobamos a súa eficacia e o importante aforro que implica) son outras das opcións que o Goberno do Estado e a meirande parte das Comunidades Autónomas concordaron poñer en práctica. Dispoñer dun sistema sanitario como o noso (recalco os adxectivos que o definen: público, gratuito, universal e de calidade) é un luxo. Penso que adoptar as medidas oportunas para contribuir a mantelo así é un logro importantísimo dadas as circunstancias. Colaborar na financiación dos medicamentos que precisamos, cada un en función das súas posibilidades económicas, creo que é unha contribución razoable en aras dun ben maior, e coido que así o entenderán os cidadáns.

No hay comentarios: