lunes, 25 de junio de 2012

Diferenzas

Unha cousa é unha institución e outra, un partido político. Do mesmo xeito que unha cousa é a representación institucional e outra, a partidista; e mesmo é diferente unha declaración institucional dunha estrictamente política. Parece obvio dicilo, pero ás veces o máis evidente é o que menos claro se presenta. Son (imaxino que quedaría claro) ámbitos distintos e, dadas as diverxencias, o comportamento dos seus representantes, a súa mensaxe e ata a súa actitude, debe ser concordante con esa diferenza. Nembargantes hai representantes públicos que, segundo lle conveña, navez de marcar distancias, directamente confunden un ámbito co outro; as churras coas merinas para entendernos. A mensaxe política e a institucional, aínda que ás veces resulte coincidente, non pode identificarse sistemáticamente como única, e semella ata chocante que acabe por ser idéntica. Non vou a negar a existencia das casualidades pero hai ocasións nas que esa eventutualidad parece improbable. Unha institución, independentemente da cor política que a rixa nun intre concreto, debe manterse equidistante nas súas formulacións porque, non o esquezamos, representa (esa é a súa obriga) a unha colectividade na que conviven (teñámolo tamén moi presente) diferentes sensibilidades políticas. Presuponse que as institucións teñen que estar por riba das siglas. E teñen que estalo precisamente por ese status superior que lles otorga o feito de que representan á cidadanía no seu conxunto e que o seu deber céntrase precisamente na defensa do interese común. Difundir como publicidade institucional un posicionamento partidista é, cando menos, reprochable. É máis: o que sen dúbida resulta lexítimo defender dende un determinado pensamento político, convértese en censurable cando artificialmente tenta revestirse de oficialidade institucional. É un erro, unha imprudencia, difundir como publicidade institucional o que claramente é propaganda partidista. Un erro grave, criticable e censurable ademais, se o custo económico derivado da súa difusión corre a conta dos fondos públicos que xestiona esa institución.

No hay comentarios: