lunes, 23 de julio de 2012

25 de xullo

A tres días da celebración do Día Nacional de Galicia, quixera reflexionar sobre a trascendencia de reafirmar a nosa identidade colectiva, de reivindicar a nosa terra nai, que é, ó fin, o principio arredor do que xira esta celebración. O que nos albores do secúlo XX principiou case coma un acto simbólico, enaltecido na intimidade pola intelectualidade da época, é agora, dende hai moito xa, un referente para a meirande parte dos galegos, senón todos. E fago este matiz sobre a relevancia da onomástica porque, para comprender onde estamos, é fundamental saber de onde vimos. Establecer a súa traxectoria temporal e histórica para, na súa xusta medida, acabar por comprender e interiorizar o significado do que está dotado hoxe. É certo que todos (sexan ou non o sinalado 25 de xullo, por aquilo de otorgarlle á xornada unha connotación diferente co engadido de festa) son días de Galicia. Na defensa da identidade da nosa terra, todos e cada un dos 365 días do ano, debemos dar a coñecer e poñer en valor os elementos diferenciadores e definitorios que nos fan únicos: lingua, cultura, patrimonio, paisaxe… Sin imposicións, porque os principios galeguistas baseánse precisamente na defensa da idiosincrasia societaria galega na que hai unha influencia ineludible da nosa tradición cultural e lingüística e na que o entorno, como non podería ser doutro xeito, tamén xoga un papel fundamental. Como definir Galicia sin os seus ríos, fontes, regatos, montes, hortiñas, prados, arboredas ou pinares que move o vento ós que aludía Rosalía? O 25 de xullo é o día de Galicia por antonomasia. Festa reivindicativa ou reivindicativa festa, pero sempre o día de Galicia. Tempo de enorgullecernos de ser galegos; de sentir o que significa ser galegos. E ser galego, ademáis de todo o xa aludido, implica tamén ter espírito emprendedor e eliminar a resignación da nosa actitude vital. Nestes intres difíciles, ambos signos de identidade e carácter tan netamente galegos, son máis necesarios que nunca. Pídolle ó apóstolo Santiago que nos siga dotando deles.

No hay comentarios: