lunes, 29 de octubre de 2012

Resultados

Hai exactamente unha semana Galicia enteira estaba a elexir o Goberno ó que lle ía encomendar o seu futuro os vindeiros catro anos. O resultado, ben coñecido xa, foi que o Partido Popular acadou o respaldo maioritario dos cidadáns deste país, dos galegos que viven eiquí e tamén dos que están fora, revalidando e ampliando así a representación acadada en 2009. Un respaldo que (non poido pasar esta ocasión sen salientalo) foi espectacular na provincia de Lugo. E, dito esto, é igualmente obrigado agradecerlle ós votantes a súa confianza (ós que apostaron por nós e ós que o fixeron por outras forzas políticas, porque o goberno é para todos); así coma o seu traballo a todos os que se implicaron a fondo no desenvolvemento desta campaña electoral, dende os membros da candidatura ós integrantes da estructura orgánica do partido, pasando polos interventores e apoderados e salientando especialmente ós militantes de base, imprescindibles, activos e entregados coma sempre. Dicir a verdade e xestionar a realidade, que foi o que puxo en práctica o Goberno de Núñez Feijoo, conforma, dende o meu punto de vista, a clave que deu a victoria ó Partido Popular. Nun contexto como o actual, de profunda crise económica, a máxima de facer máis con menos non foi unha frase feita senón un xeito, novedoso daquela, de entender e exercer a política, de aplicar a austeridade co convencemento de que manter, con calidade, os servicios públicos é posible. Só hai que xestionar ben, con rigor e responsabilidade. Pola continuidade dese rigor e esa responsabilidade apostaron os galegos. E o Partido Popular non vai defraudar e estará, como estivo, á altura das circunstancias. O xa presidente electo así o adiantou hai uns días no transcurso da xunta directiva rexional, advertindo que revalidar a maioría parlamentaria non é un cheque en branco. Hai que seguir a afrontar os problemas con serenidade e criterio; e seguir a afondar no camiño iniciado en 2009, no que austeridade e a eficiencia foron claves para que o contexto galego sexa hoxe algo máis folgado que o doutras comunidades autónomas, porque, como ben di o propio Feijoo, gobernar é administrar e administrar é priorizar. Para a vindeira lexislatura Núñez Feijoo tamén fixou outra tarefa importante na que coido debemos implicarnos todos: reconciliar á cidadanía coa política e cos políticos. Non é un tema menor, que está por riba ademáis de discusións ou posicionamentos ideolóxicos. É preciso convencer e sobre todo demostrar que a política e os políticos son necesarios e, o máis importante, útiles para dar resposta e solución ós problemas existentes. E, entre todos, o máis urxente: rebaixar a taxa de desemprego. Ese desapego da política da que dan boa fe as enquisas do CIS e mesmo a abstención contabilizada nestas últimas citas coas urnas é preocupante e non podemos permitirnos que esa negativa impresión se consolide. En conciencia, non creo que sexa demasiado xusto o menosprecio otorgado á práctica política pero se esa é a percepción, por algo será. Temos que rectificar.

No hay comentarios: