martes, 27 de noviembre de 2012

Basta

Pode que poñer un lazo morado nas fachadas dos edificios institucionais non erradique de raíz a violencia de xénero. Oxalá así fora. Rápido e sinxelo. Pode que non o consigamos pero, como calquer outra acción que se desenvolva neste eido, seguro que contribúe a sensibilizarnos un chisco máis a todos, e por pouco que se avance, avance é. E precisamos mellorar moito. Hai moitas mulleres mortas. Moitos fillos traumatizados. Moitas familias destrozadas. Demasiados. Sempre demasiados. Concienciar de que ésta é unha lacra social é o obxectivo. Únicamente sendo conscientes do problema poderemos resolvelo, eliminalo. Nembargantes, ante a evidencia dos datos, semella que nin somos conscientes nin estamos concienciados. Cando menos de xeito suficiente e sobre todo eficaz. Por moitas campañas e programas de sensibilización que ó longo dos anos se teñan desenvolvido, o drama parece non ter fin. Nin somos quén de poñerlle fin. Non debemos (e menos aínda podemos) deixar de ter moi presente que, se o que acontece no noso entorno é o reflexo da sociedade na que vivimos, todos, por consentidores, somos culpables. A nosa implicación e sobre todo a nosa actuación é determinante e necesaria para borrar calquer rastro deste tipo de violencia, a máis oculta e tamén, en parte como consecuencia do anterior, a máis impune. Sexan da ideoloxía que sexan, todos os gobernos amplían ou complementan a lexislación sobre esta materia. Pero, nin así, logramos extirpar o problema. Algo falla. Ante semellante situación, coido que non estaría de máis que todos fixéramos un exercicio de introspección e calibraramos o noso grao de implicación e reacción ante un caso de violencia destas castacterísticas porque ningunha agresión tería que quedar sin resposta. Quizáis debéramos considerar que temos a responsabilidade e ata o deber de intervir, e non só dispensando o apoio que a víctima precise cando a agresión se teña consumado. Debemos fuxir desa idea, negativamente interiorizada segundo a miña opinión, de que este tipo de problemas atinxe exclusivamente ó ámbito privado e, apelando a esta privacidade como excusa para lavar a nosa conciencia, acabamos por inhibirnos. Ese silencio cómplice tamén é violencia. Por omisión, pero tamén violencia. Pode que este comportamento, o do que agrede e o do que cala, denote certa crise de valores, de respeto. Tamén sobre eso temos que reflexionar pero, de entrada, o que temos que dicir, neste día contra a violencia de xénero e nos 364 días restantes, é BASTA.

No hay comentarios: