martes, 13 de noviembre de 2012

Folga, outra vez

A situación económica na que se atopa España non está para tirar foguetes. Empreguei esta mesma atalaia para dicilo en numerosas ocasións e non porque eu sexa especialmente observador nin sequera incisivo senón porque a realidade é a que é. E non é o meu estilo, contrariamente ó que caracterizou a outros durante demasiado tempo (un tempo precioso e irrecuperable por certo) negar a evidencia. O primeiro paso para buscar, atopar e aplicar solucións a un problema, sexa da índole e a dimensión que sexa, é facer unha boa diagnose, exacta e obxectiva. Pero, ó tempo que recoñecía a innegable evidencia, apuntaba que o Goberno de Mariano Rajoy estaba a tomar decisións, ben encamiñandas e tamén difíciles, para trocar a situación. Mesmo pedía algo de paciencia para que puideran palparse os resultados porque (sabémolo todos) sempre resulta infinitamente máis doado desestabilizar contas de resultados que facelas cadrar. Nesta reflexión, penso, case todos (menos os verdadeiros expertos en facer o primeiro) concordarán conmigo. Entendo a frustración, o desacougo e ata o cabreo dos cidadáns. É lóxico: a quen lle gustan os tempos de vacas fracas? Nembargantes, de aí a convocar unha folga xeral o 14-N (a segunda en menos dun ano) hai un treito demasiado ancho, longo e sobre todo custoso. Non me malinterpreten, respeto e ata reivindico o deireito a facer folga, a manifestarse libremente para reivindicar o que cada quén, en conciencia, considere axeitado; pero tamén reivindico, con idéntico énfase ademáis, o dereito a traballar. Non podemos permitirnos torpedear a nosa economía. Non creo que deba insistir na delicada situación na que nos atopamos nin facer alusión a que poñerlle atrancos ás rodas non deu nunca resultados satisfactorios. Non quero afondar noutro asunto que se deriva desta convocatoria, cando menos pormenorizadamente, aínda que tampouco vou deixar pasar a ocasión sen formular unha reflexión ó respecto. Nos albores da crise económica actual, cando despuntaban os brotes secos que non verdes, onde estaban os que agora, con tanta entrega, enarbolan a bandeira reivindicativa e desgañitan a gorxa esixindo solucións? É máis, tras o 14-N, qué. Esa é a pregunta. Que vai aportar esta folga? Esvaecerase o déficit ou dispararase a confianza dos mercados internacionais no noso potencial económico? Coido que non, pode incluso que provoque o efecto contrario. Dicía Henry Ford que moita xente gasta máis enerxía en falar dos problemas que en querer afrontalos. Eu penso que esta nova mobilización dá moito de qué falar pero non resolve nada. Na vez de malgastar tempo e esforzo, de avivar o enfrontamento, deberíamos unirnos e concentrarnos na solución; en facer, unha vez máis, fronte común contra a adversidade e así, outra vez, poñer en valor a nosa capacidade de superación e o dinamismo que ten un país coma o noso, no que, como dicía Ortega, todo o fixo o pobo e o que non fixo o pobo quedou sen facer.

No hay comentarios: