miércoles, 2 de enero de 2013

Bo Nadal

Cada quen ten o seu retrato idílico do Nadal. Penso incluso que ata os que renegan destas datas o teñen. Feito a medida, claro está. Precisamente polo seu compoñente persoal e íntimo, nesta imaxe bucólica resulta tan importante o esceario como os compoñentes que o conforman; a ubicación física, adornada (ou non) cos elementos típicos tópicos destas datas, e os participantes no encontro e os lazos afectivos que nos unen a cada un deles. Ata as condicións atmosféricas e a banda sonora son relevantes á hora de construir ese icono. Todo é importante e os detalles, determinantes. O Nadal está cheo de lembranzas, ausencias, desexos, morriña, silencios, sorrisos, gargalladas, música, suspiros … e tamén bágoas. De todo hai. Pero o Nadal, por riba de todo, é tempo de reencontros. E neste intre no que as circunstancias non son proclives a favorecer o espírito festivo que tradicionalmente acompañaba estes días, resulta aínda moito máis entrañable do habitual o achegamento á familia e ós amigos ó que nos empurra o Nadal. Nos malos tempos é a xenerosidade e calor das persoas máis próximas a que mellor mitiga o desacougo. E a que máis reconforta. Avogo porque todos sexamos hospitalarios e xenerosos e nos poñamos no lugar daqueles para os que estas festas serán menos dichosas do que deberían. Entre o runrún das panxoliñas e a cor das luces, por moi tópico que soe, tamén xurden os sentimentos máis profundos, a bonhomía coa que todos estamos dotados. A solidariedade máis sincera e tamén a máis xenerosa. É cuestión de deixarse levar. A realidade é dura para moitas familias e neste tempo síntese con máis aspereza esa adversidade. Nos malos tempos agradécense con maior efusión o agarimo e apoio que nos manifesten. Non escatimemos a súa expresión. Desexo a todos felicidade nestes días e, posto que é tempo de compartir e ilusionarse, coido que debemos abrirnos á esperanza e confiar en que todo, aínda que sexa paseniño, mellore. Bo Nadal e próspero 2013.

No hay comentarios: