lunes, 21 de enero de 2013

Un ano sen don Manuel

Xa pasou un ano. Foi a mediados de xaneiro. Nun día gris, con choiva. Hai un ano que nos falta don Manuel Fraga Iribarne. E sentimos profundamente ese vacío aínda que as súas ideas, o seu traballo, o seu exemplo mantense igual de vivo e vixente. Máis vixente se cabe. Nestes tempos nos que por diferentes motivos e dende ámbitos moi diversos é cuestionada a actividade política, está de plena actualidade o proceder e a figura de don Manuel. Podemos e debemos dicir, alto e claro, que el continúa a ser unha fonte inagotable de inspiración do que significa a labor política con maiúsculas. Personifica a auténtica vocación e compromiso coa denominada cousa pública, coa defensa do interese xeral, sempre por diante de cuestións de carácter partidista e máis ainda persoal. Don Manuel é o paradigma do compromiso coa sociedade máis visceral, entregado e xeneroso. Pola súa valía intelectual, pola súa inagotable capacidade de traballo, pola súa tenacidade, polo seu sentido do deber, pola súa intachable honestidade é un modelo a seguir de referencia, un home irrepetible. Ante o hemiciclo do Senado, a que fora a súa última casa política, eríxese dende hai uns días un busto que o lembra e nos lembra a todos as súa excelentes credenciais e o seu bo e ben facer. Moito se ten dito sobre a súas múltiples e sempre brilantes facetas. E pese a que é case unánime e recurrente gabar a súa figura, as súas palabras e os seus feitos coido que aínda non se teñen valorado coa suficiente amplitude e magnanimidade. Quizais non teña transcurrido o tempo suficiente como para que a historia, dende unha visión máis ampla e distanciada, o xulgue axeitadamente como o gran home de Estado que foi. Como españois, non debemos esquecer que foi peza fundamental da Transición e creador dun proxecto de centro-dereita capaz de aglutinar distintas sensibilidades e de converterse en referente do ideario político. Como galegos, temos que ter moi presente, máxime en tempos coma os que nos toca vivir agora mesmo, que sumar foi sempre a súa premisa de partida. Un plantexamento do que nada nin ninguén o apartou, nin sequera o seu convencido, profundo e reivindicativo sentimento galeguista. Como persoas, temos que velo como un modelo a seguir: por capacidade de traballo pero sobre todo por honestidade.

No hay comentarios: