martes, 16 de abril de 2013

Democracia

A política como solución á crise económica e institucional. Avogo por esa idea. Recoñezo que non é a única ferramenta a empregar. Eu aposto pola suma. Pero eso non lle resta á política nin importancia nin validez nin utilidade. Recoñezo asimesmo as imperfeccións do sistema. Pero non debemos esquecer que costounos moito esforzo chegar ó Estado democrático, social e de dereito que temos. E tamén debemos ter presente que, neste sistema, un pé fundamental é a representación política, o xogo parlamentario. E son os representantes políticos os encargados de articular as demandas da cidadanía. Ese é, ó fin, o seu labor como delegados da soberanía popular. Por descontado, esta defensa do sistema non contradice nin limita a crítica social á actividade política. Forma parte do propio sistema; e é lexítimo e ata enriquecedor. Ó fin, para que a política cumpla o seu papel é esencial que os políticos non perdan o pulso nin o sentir da rúa. A ela se deben. Pero de aí a cuestionar as institucións, e ata a acosar, coaccionar e hostigar ós representantes políticos hai un treito desmesuradamente grande. Alerto neste punto sobre a aparición doutro problema de dimensións descomunais: a perda do respeto institucional. E chegar a este punto supón poñer en cuestión a democracia en si mesma, a súa esencia. Este é un risco terrible do que desgraciadamente temos antecedentes na nosa historia e estou convencido de que ninguén quere repetir experiencia. Si ó control, á transparencia, á participación ciudadana. A propia democracia representativa articula a opción da iniciativa lexislativa popular, máxima expresión da actuación ciudadana directa. Exprimamos o uso deses cauces legais. Pero manteñamos, non só o respeto ás institucións democráticas, tamén as formas e os procedementos que establece o sistema. Non considero en ningún caso que sexa o momento idóneo para recurrir á demagoxia nin á manipulación. As tensións sociais que estamos a vivir non son exclusivas do noso país, outros do noso entorno están pasando por unha situación semellante. A crise económica posiblemente fora o detonante do desapego que a cidadanía está a ter das institucións pero dende logo non é a única causa. Na man de todos está recuperar e devolver a confianza no sistema.

No hay comentarios: